menu Menú
NOSTALXIA ( PRIMEIRA PARTE )
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en junio 25, 2008 0 Comentarios 2 min lectura
NOSTALXIA ( SEGUNDA PARTE ) Anterior CHOVE PARA QUE EU SOÑE Siguiente


Leo que hai trinta anos da estrea de Grease.
Chamádeme nostalxico. Tanto me ten.
Non podo deixar de ver a película de cada vez que a pasan pola tele. Na casa ódianme porque non só a vexo, senón que ademais vou contándoa, anticipando esceas que, de tan repetidas, xa todos saben. Mais eu fágoo igual.
E non podo deixar de emocionarme, hortera, seino, probablemente patético, asumo sen vergonza, cando cantan aquilo de Tell me more eles e elas en Summer Nights. Sei que non van respectarme máis se lles digo que teño o vinilo, dobre, gardado coma unha alfaia valiosa no meu despacho de traballo, e que de cando en vez póñoo. Está alí, ao carón da miña colección, completísima, de discos dos Beatles.
Foi unha canción de Grease a primeira que puxen nunha daquelas máquinas de discos que había nos bares ( You’re the one that I want … ohh ohh ohh, honey!!! ). Foi a BSO de Grease a primeira cinta de casette que gastei de tanto oíla.
Pero sobre todo, Grease é Pilar, unha nena do meu tempo ( ¡tiña eu doce anos! ) da que teño primeira constancia de ter namorado. Ou algo así. Pilar os domingos no Roxy. Pilar na sesión das tres e media os domingos, flocos de millo, fragolosina que rico helado, pipas Facundo e bicos sabor chicle de fresa ácida. Porque Pilar, á moda, gastaba aqueles pantalóns coma Olivia Newton-John, de coiro negro. Incluso, na miña memoria, ten o pelo cuspidiño a Sandy.
Ollo cara atrás, neste comezo de verán que, non sei por que, recende a nostalxia.
Tell me more…
Contarei máis. Mañá.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar