Nostalxia tamén, do intensos que eran os sabores. Saír da escola ( unitaria: oitenta nenos ou así desde “parvulitos” a oitavo de EXB ) da señorita Mary, e ir ao mercado, ao posto da miña nai, e pedirlle un duro, cinco pesetas de nada, e ir á de Concha, a “lechería”, que así era como lle chamabamos a unha tenda na que merquei tebeos e chicles e celo e papel e de todo pero nunca leite.
Na de Concha, cravados polo pao nunha especie de cilindro transparente, estaban os Chupa Chups. Había nenos repelentes que lle facían meter a man dentro daquela urna de azucre e felicidade unha chea de veces ata que Concha sacaba o que eles querían. Eu non. Eu sempre fun máis sinxelo. “¿Cal queres, neno?”. “Tanto ten, Concha, o que me deas”. E Concha sacaba un chupa calquera e eu sacaba aquel plástico e xa era un chisquiño máis feliz.
Agora, seica, os Chupa Chups cumpren 50 anos. E horror dos horrores, a empresa vén de anunciar que van saír sen pao. Que outro vai ir recheo de chocolate, pero sen azucre, e que outros serán brandos e con zume de froitas dentro.
Nostalxia dun tempo que xa foi. Dun eu que xa non volverá ser.
Chupa chups sen pao… vivimos na era da farsa.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.