Nunha estrambótica entrevista publicada hoxe en El País, o alcalde de A Coruña, Javier Losada, teima en esixirlle á Xunta que legalice o topónimo castelán La Coruña.
Disto xa falei hai ben pouco. De feito, é un tema recorrente ao que temos que volver e volver, porque o PP teima e teima de cando en vez en poñerse nesas. Ata o de agora, o PSOE nunca se sumara á reivindicación. Sen embargo, desta volta, e ao igual que o PP e algunhas agrupacións da ultradereita máis casposa, o alcalde de A Coruña e por extensión o PSOE coruñés utilizan como argumento exactamente o mesmo cá eles: Lo desean los coruñeses.
Xa expliquei moitas veces que polo feito de que unha maioría desexe algo non hai porque tomar ese desexo como lei. Se non, poderiamos terminar lexislando a prol de calquera parvada. Os coruñeses – ou os vigueses coma min, tanto ten – podemos desexar o que nos pete. Outra cousa é que o noso desexo teña sentido, se axuste á lei ou ao senso común. Se o alcalde de A Coruña di que hai que facer certas cousas porque o desexan a meirande parte dos cidadáns, intúo que se algún día a meirande parte dos galegos decidiran – por poñer calquera exemplo sen segundas – a independencia do estado español, el, e o seu partido, estarían dispostos a defender esa postura. Lo desean los gallegos, podería dicir.
O PSOE ten un problema co galego. Ou o PSOE coruñés, non sei, porque isto vén da época de Paco Vázquez. E o máis triste, penso, é que nin sequera reivindica isto porque crea firmemente no que esixe con tanta forza, senón porque, como fixo o actual presidente da Xunta durante a campaña aliándose con Galicia Bilingüe, é plenamente consciente de que esa actitude vai darlle votos na súa cidade onde hai amplos sectores que rexeitan o galego con verdadeira fereza.
A cousa é triste. É un completo disparate. É, ademais, un planteamento necio de raíz porque procura rendabilidade electoral.
O peor que ten que aturar a lingua galega, desenganémonos, é aos propios galegos.
( Por certo, a imaxe está tomada do blog do Alcalde, onde di A Coruña. Podería ir cambiando o artigo. Aí non ten que lle pedir permiso á Xunta ).
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.