menu Menú
O CEO DOS AFOGADOS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en octubre 22, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
LECTURAS DE OUTONO: PONDAL, BAUDELAIRE, POE Anterior RADICAL ( PERO NON DEBERÍA ) Siguiente


Esta semana estará nas librerías a miña novela para moz@s O Ceo dos Afogados que resultou finalista do Premio de Literatura Xuvenil Caixa Galicia 2007.
Presentarémola, xunto con Illa Soidade de An Alfaya, gañadora do mesmo premio, o vindeiro martes día 30 en Santiago, na Biblioteca da Fundación Caixagalicia ás 19.30. Quedades convidados. E xa sabedes que hai premio.
Dicía Hemingway que, unha vez publicado un libro, era moi difícil para o seu autor explicalo. Así que, de seguido, o texto que vai na lapela do libro, para que vos fagades unha idea. A ver se vos gusta.
Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando.
O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar