menu Menú
O DÍA AQUEL EN QUE ME PERDÍN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en julio 5, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
ALCALDES, FÚTBOL E LIBROS Anterior LECTURA NO DIARIO CULTURAL Siguiente

Non sei moi ben cantos anos tiña, pero si que cando era moi pequeno un día me perdín. Con toda esa angustia coa que se perden os cativos cando son conscientes de que pasan as horas e de cada vez a paisaxe é máis distinta da habitual; con esa lucidez terrorífica que dá saber que te estarán buscando. Calcúlolle seis anos. E souben moito tempo despois que me perdera relativamente preto da miña casa, pero daquela, xa sabedes, a rúa do lado era xa outro universo.

A mañá de clases remataba ás 12.30, e seguían ás 15.30 pola tarde. No mediodía foi cando me perdín. Isto pasoume con Paco, o meu colega da infancia, inseparables os dous. Eu, Francisco. El, Paco. Así nos diferenciaban. E non sei como foi que botamos a camiñar polas rúas que están detrás da que era a miña casa e segue a ser a dos meus pais, e baixamos polos foxos, e deixamos atrás os colectores da CAMPSA, e chegamos ao mar. Sei que chorabamos. Que a xente non nos falaba. Que todo era grande e distante. E o recordo máis nidio que teño (é un recordo verdadeiro aínda que sei que o lugar non existe) e pasear por unha praia onde rebentaban unhas ondas salvaxes.

Meu pai foi quen  nos atopou. A cara sucia dos mocos e das bágoas. Non lembro que pasou despois. Se nos rifaron ou non. Sei que aínda me deu tempo a asistir ás clases e que o contamos como se fosemos heroes.

O pasado domingo, cando ía no coche cara casa de meus pais, atopei o tráfico curtado por mor dunha proba ciclista. Desviáronnos polas rúas de detrás da miña casa. E baixei polos foxos, e deixei atrás os colectores xa desaparecidos da CAMPSA, e por suposto, non vin praia ningunha porque alí non a hai a pesar da viveza dos meus recordos.

O que si é certo é que o domingo, transitando aquelas rúas, sentín unha estraña forma de melancolía. Debuxóuseme un sorriso livián na face. «Foi por aquí», pensei, «aquí foi onde nos perdemos». E coa emoción na gorxa procurei, a dereita e á esquerda, a dous nenos que tivesen cara de perdidos e precisasen da miña axuda.

Non os atopei, claro.

Pero a melancolía aínda non se me marchou de todo.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar