Dende hai moito tempo teño a teoría de que o verdadeiro disfrace a meirande parte da xente lévao posto o resto do ano. Estes días a xente anda sen el. Estes días a xente é real.
O tópico sobre a festa do Entroido di que ao nos disfrazar, aproveitamos para facer e dicir todo o que o resto do ano non nos atrevemos. Puidera ser. O que está por debaixo desta idea é que a explosión de festa, sentidos voando ceibos, risos, amor pola gula e o sexo, o carnal, en definitiva, que goberna estes días, é mentira, e que a realidade é o que acontece o resto do ano.
Eu teño claro que non. Eu teño claro que é xustamente do revés.
O Carnaval é unha festa dionisíaca, dos sentidos e do corporal. Do realmente humano, en definitiva. Por mor da presión da cultura xudeo-cristiana, aprendemos a satanizar o corpo, o pracer e todo o que, en liñas xerais, vai a favor da vida. Por iso é polo que o desenfreo destas datas corremos a suliñalo de anormalidade cando, en verdade, é o máis autenticamente humano.
Hoxe unha muller disfrazada de ratiña sorriume e púxome uns olliños (a 20 centímetros da miña cara) que me deron volta o corazón. Unha vella disfrazada de Satanás, bailaba co seu netiño (Buzz Lightyear) feliz da vida. Un home disfrazado de cura parouse comigo, colleume do van, e bailamos unha danza imposible. Ningunha destas tres persoas me coñecen. Eu, dende logo, non sei quen son nin vou sabelo.
O que quero dicir é que, en condicións normais, ningún deles se comportaría así. A muller guapa, sen difraz, aínda que eu mañá a recoñeza e lle poña olliños, non vai nin verme; a señora maior, probablemente, mañá se escandalizaría se se descobrise a si mesma bailando no medio da rúa; o falso cura non creo que teña moitas ganas de bailar de novo comigo.
Sen embargo, os tres (os catro se me contades a min) pasárono de marabilla, foron felices, a espontaneidade foi o que gobernou o seu corazón, nada lles preocupaba, a moral ficaba a un lado, só existía a sa saúde de vivir.
Cando remate o Carnaval, poremos, todos, o verdadeiro disfrace. Co que imos o resto do ano. Reprimíndonos, medíndonos, estudando pros e contras. Negando, en definitiva, moitos dos camiños da felicidade.
Canto mellor nos iría se fósemos sen disfraz sempre.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.