menu Menú
O ERRO HISTÓRICO DA XUNTA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en septiembre 13, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
PARA QUEN ANDE POR VALENCIA E ALACANTE Anterior TODAS AS TARDES DEBERÍAN SER DOMINGO Á TARDE Siguiente

Os políticos están para, entre outras cousas, cometer erros. Coma os escritores, poño por caso. Mais os erros, que son humanos, só son desculpables se son consecuencia da boa fe, do despiste, da mala sorte… de cousas así. E todos os erros teñen consecuencias, ás veces terribles. Pero son iso, erros. Algo humano.

Daquela, algo que cómpre perdoar.

Mais cando os erros nacen da ignorancia, daquela, non hai desculpa posible. E o nulo apoio que a Xunta de Galicia está a prestar á educación, os recortes nas axudas, o desprezo que amosa polo mundo das aulas, é un erro que, como se verá co tempo, será considerado histórico.

Todos os sabios, analistas, estudosos, pensadores… todos os homes e mulleres que saben do que está a pasar no mundo co tema da crise, insisten: en épocas coma estas o que hai é que investir en cultura e educación. Os neocón que nos gobernan decidiron recortar. Non direi que non haxa que recortar. Pero haino que facer dende a intelixencia e, sobre todo, vendo máis aló das vindeiras eleccións. E cando recortan en educación (mirade que non estou a falar da lingua, iso sería para falar noutro post), cando deciden meter as tesoiras en educación o que están a facer non é só facer cadrar orzamentos, axustar contas, equilibrar balanzos. O que están é meténdolle as tesoiras ao futuro. Están impedindo, precisamente, sair da crise. Están semiando o desastre.

Aos políticos hailles que pedir, claro, solucións para o día a día. Pero tamén amplitude de olladas. Capacidade para ver o futuro.

E neste asunto a Xunta, e sobre todo os políticos responsables destas terroríficas decisións que sacan profesores, que pechan aulas, que deixan de destinar fondos que se van a lugares máis espúreos, eses, pasarán a historia como pasarán, a saber, como os culpables e actores e actrices dun dos erros máis graves e de consecuencias máis terribles de todos os tempos.

Todos queremos pasar dun xeito ou outro á historia. Que nos lembren polos nosos feitos.

Estes que fomentan o desastre educativo. Estes que nos deixan sen lingua e sen aire, eses, van quedar en moi mal lugar. Sei que agora non lles preocupa. Pero aí van quedar.

Onde deben quedar.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar