menu Menu
O GALEGO COMO VIRUS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Marzo 20, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
A POESÍA, A LIBERDADE E OS BLOGS Anterior REBELIÓN, INSUBMISIÓN, LIBERDADE Seguinte

Hoxe tiven ocasión de comprobar que a nosa lingua é un virus e, xa que logo, que a mellor opción que nos queda é o contaxio a canta máis poboación, mellor.

Coma case que sempre, todo aconteceu no parque, mentres xogaba coa miña filla.

Ela quería subir na rendeeira. Subina.

Ela declarou a súa independencia:

– ¡Soíña!, ¡soíña!

Que ven sendo que non quere que a empurre. A nena que estaba ao seu carón, balanceándose tamén co seu pai, repetiu:

– Soíña, soíña.

O pai, máis ou menos do meu tempo, díxome:

– Que graciosa. Se contagia de la niña.

Sen dúbida, non se refería ao catarro, senón ao galego. Conste que o dixo de bo rollo, dun xeito totalmente inocente.

Ao rato, a miña nena:

– Baixar, baixar.

Que ven sendo que quere ir a outro sitio.

E a nena do seu carón:

– Baixar, yo baixar.

O pai (a min):

– ¿Ves?

– Vex0, si.

Subiu ao balambán. Como é unha arroutada, facía movementos que podían facer que rematase no chan. Eu, pai prudente, advertina:

– Ten coidado pequena, non vaias caer.

Ao momento, outro neno que tamén andaba por alí, freou en seco e véndome, moi serio, declarou:

– ¡Mira, señor, se los números en gallego: un, dous, tres, catro, cinco, seis, siete (o único que dixo  mal), oito, nove y dez!

O serán seguiu. Marchamos a unha librería do centro que ten na sección infantil unha mesa redonda pequena con cadeiras igual de pequenas para que os pequechos fedellen nos libros. A miña cativa sentou cos demais. Un neno da súa idade colleu un conto: El pollo Pepe. A miña pequena, que non sabe ler, moi didáctica ela, colleullo e comezou a “improvisar”:

– O polo ía pola rúa e…

Cando xa marchabamos, despois de abrir e de pechar volumes, o cativo berráballe á súa nai:

– ¡Quero o conto do polo!, ¡quero o conto do polo!

Así que, como vedes, pasamos a tarde infectando nenos e nenas.

Igual ese é o camiño.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar