menu Menu
INSULTAR EN ESPAÑOL
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 12, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
GÚSTAME A XENTE QUE APARENTA A IDADE QUE TEN Anterior ESTE É O MUNDIAL DA VERGONZA, DA MISERIA MORAL E DA HIPOCRISÍA Seguinte

Hoxe no Faro de Vigo comentábase, a raíz da inauguración en Santiago dunha mostra arredor de Gonzalo Torrente Ballester, que era “el hombre que se enfadaba en gallego”. Seica nos centos de metros de cinta magnetofónica que deixou gravadas, apréciase que, cando se cabreaba don Gonzalo, abandoaba o castelán para botar todos os demos fóra na nosa lingua.

Que un xornal destaque isto, a verdade, paréceme incluso mal porque eleva, coma sempre, o galego á categoría de anécdota (tamén Franco os domingos comía cocido galego, miratí).  Pero en fin. Mais se o traio aquí, é porque son moitos os casos nos que algo así acontece. O galego é a lingua de verdade, a primeira, a que moitos castelán falantes levan no corazón. E é a lingua para os biquiños e para cualifacar a alguén de curriño e para dar colo. Máis tamén a lingua para mandar ao carallo ou para cagar na cona. Ou o que é o mesmo: que hai miles de galegos e de galegas que non queren que se eduquen (e de feito eles non educan ) ás súas crianzas en galego pero que sinten en galego. E ven sendo algo así como que o galego é como máis de verdade. E que cando algúns que falan na cervantina lingua conectan co seu eu máis íntimo, daquela, conectan coa lingua coa que máis son eles mesmos.

Algo así pasoulle a un familiar meu, xa desaparecido, hai moitos anos, cando sufríu unha inexplicada polos médicos, amnesia que lle durou un par de semanas. Era absolutamente castelán falante. Viña da aldea, onde pasou a infancia. Durante aquelas dúas semanas só falou nun fermoso galego da raia ourensá…

E isto, queridas e queridos, é unha completa desgraza.

Porque o que quere dicir esta clase de fenómenos  é que é, si, a lingua do corazón pero, ao pasar pola razón, decídese que é mellor agochala, poñerlle unha pedra enriba, facer como que non se sabe dela. Aínda que está.

Quizais, en casos como os que comentamos, é onde mellor se ve iso de que hai unha lingua asociada ao desprestixio e outra que se considera culta. Unha que hai que agochar e outra da que hai que presumir.

Entran ganas, a min cando menos, de botar un arrouto en español.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar