menu Menú
O LIBRO DE ANA MARÍA RÍOS ( léase en clave de retranca )
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en enero 17, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
AS MÁSCARAS DE CRONOS Anterior FALANDO DE XERACIÓN PERDIDA, PRESENTANDO SPAM EN CANGAS E RECITANDO POEMAS NO ENSANCHE Siguiente


Ana María Ríos, a muller máis famosa de Galicia, probablemente por enriba de Rosalía de Castro, saca un libro. Non era sen tempo. Moito me tardaba. O seu título é «Voda, cárcere e fama». Entre outras cousas conta como foi o asunto do posado para o Interviú. Que nervios, non me pasa o tempo para telo xa nas mans. ¿E traerá as fotos?
Pois nada, como o libro é en galego, xa podemos dicir que todo o mundo vai ler literatura galega. Digo isto porque o Interviú coas fotos da señora esgotouse en hora e media. Xa que logo, co libro de certo que vai acontecer outro tanto. Venderase coma churros. As librerías farán o seu Agosto. Os programas culturais da tele ( Dolce Vita, Aquí Hai Tomate, Corazón Corazón, Salsa Rosa ) dedicarán minutos e minutos a falar del. Pobre Marta Rivera de la Cruz. Verá como lle dedican máis tempo a este libro que ao seu libro finalista e planetario. Xa son capaz de ver as colas nas librerías, incluso xente que fará noite alí, para conseguir antes que ninguén un exemplar do Mellor Libro da Historia da Literatura Xamais Escrita. E non quero nin imaxinar que pasará o día en que ela asine libros en calquera Feira. Espero que ese día non me conviden tamén a min. Non aturaría a sensación de fracaso ao ver que, coma sempre, a min só me trae os libros para que llos asine, miña nai.
A partires de agora Todo Vai Cambiar.
Xa nunca máis poderemos dicir que os libros en galego non se len. Xa nunca máis poderemos dicir que as obras en galego son invisibles. Xa nunca máis poderemos dicir que a sociedade galega dá as costas aos libros producidos aquí.
Propoño xa, para quen lle meteu os detonadores na maleta, aló en Cancún, a Medalla Castelao por todo o ben que está a facerlle a este paisciño noso. Que non tarden, que estou que non vivo.
( Daquela, para os ansiosos, un adianto do libro aquí )


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar