menu Menu
O MEU ARTIGO NA VOZ DE GALICIA SOBRE OS BEATLES
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Setembro 19, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
¿QUE NOS APOSTAMOS? Anterior MENOS MAL QUE TEMOS INTERNET Seguinte

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/BD3ovfZXO5Q" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hoxe, no suplemento Culturas de La Voz de Galicia publicaron unha dobre páxina arredor dos Beatles polo asunto da remasterización e tal.

Ademais dun repaso pola súa discografía publicouse un artigo de Andrés Calamaro e outro meu.

Como non está na rede o suplemento, déixovolo aquí.

POR MIN QUE REMASTERICEN O QUE LLES PETE


Nacín 58 días despois de que os Beatles deixaran de tocar en directo. E a pesar de que non vivín ese instante, dóeme esa ruptura a diario. E sei que romperon e que nunca volveron xuntarse e que dous deles están mortos, mais aínda soño con velos en directo ou que McCartney me pide que substitúa a George coa solista. Porque eu soño o que me dá a gana.

Agora, para facernos pasar por caixa, volven remasterizados, é dicir, limpos de morralla. Mais isto é unha mágoa que non me emociona. Porque como levo escoitándoos eight days a week dende antes incluso de ir á escola, xa os remastericei millóns de veces na miña cachola, e polo tanto sei que xa os escoitei tal e como soaban no Cavern Club ou alá onde tocasen, e seino con tanta forza e con tanta verdade que estou disposto a partirlle os dentes a quen me diga que desvarío. Ademais, eu non quero que me remastericen as imperfeccións que fun descubrindo co paso do tempo (por exemplo que unha micromillonésima antes de que comece a soar Love me do se escoita o ruído do prato da batería de Ringo. Escapóuselle a George Martin. Igual na remasterización xa non está. Peor).

Eu o que quero é que os resuciten. E que non se separasen. Pagarei pola nova remasterización, claro. E seguirei soñando. Que seguen xuntos. Ou que me cae un lóstrego e que aparezo en Liverpool, nos anos 40 do século pasado, e que o meu veciño é un tal John á procura dalgún colega que, coma min, saiba tocar a guitarra para facer un grupo. Xa avisei: eu soño o que me dá a gana.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar