Coñecín a Lucía Molares hai dous días, cando acodiu como representante da Xunta de Galicia ao acto de inauguración da Feira do Libro de Vigo e no que eu lin o pregón. No rato que parolamos, pareceume unha persoa simpática, de trato amable e cortés. De verdade que foi agradable o ratiño que falamos sobre isto e aquilo.
Dito isto, traio agora aquí a entrevista con ela que hoxe publica o Xornal de Galicia, e na que, entre outros superficiais argumentos, sinala como un problema á hora de estudar en galego, que non todo o mundo sabe o que é un nocello.
Por suposto. Non todo o mundo coñece esa palabra. Pero para iso se estuda, para aprender cousas. Eu non sabía cando era estudante que era un Sintagma Nominal nin facer integrais. Pero tiven que aprender. Despois, cando cheguei á Universidade e escoitei que tiña que estudar “Fenomenoloxía” non protestei porque non sabía o que era iso. Aprendín.
En calquera caso, o grave non é que os cativos teñan que aprender a palabra “nocello”. O gravísimo é que moitos nenos e nenas do noso país non saiban o que é un nocello e que esa parte do corpo se chama precisamente así.
Noutra orde de cousas e xa que estamos, na entrevista que vos referencio fala de que no desenvolvemento do seu cargo tenta falar en galego. En fin, será así pero o outro día, na inauguración da Feira do Libro, todos, absolutamente todos os que collimos a palabra fixémolo en galego. Cando lle tocou a ela, como autoridade da Xunta, no desenvolvemento do seu cargo, falou en castelán. Foi a única que o fixo. A representante do goberno de Galicia empregou a lingua de Castela. Todo o que dixo, por certo, moi atinado ( a importancia da lectura, que hai que apoiar aos libreiros, etc… ). Mais podía telo dito na lingua de nós. Que ela sabe, entende e, como recoñece na entrevista, pode falar. De feito, estivemos latricando un chisco sobre o que eu dixera no pregón. Xa saben: intercambiando puntos de vista. Daquela, entende o galego perfectamente.
Da cabeza ao nocello.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.