Estes días limos por todas partes que Umberto Eco, que sempre foi un pensador esixente, ten pensado alixeirar O nome da rosa, volvéndoa a escribir, «para facela accesible aos novos lectores, refrescando a linguaxe da obra».
A nova é malísima e vai moito máis aló dunha simple consecuencia literaria. Porque os tempos que andamos son un chisco parvos e aparvados, e que os grandes autores (cando menos na concepción popular de grandes) entendan que non se lles van comprender as tramas e as intencións se non rebaixan o nivel, ten consecuencias en todos os planos. No social (a sociedade é lixeira, daquela, deámoslle cultura lixeira que se volverá máis lixeira aínda), no político (para que escribir obras que fagan pensar, mellor literatura light de tetra-brick e que non pensen) e, por suposto, culturais (isto xa non ten amaño, é imposible tirar da intelixencia dos lectores).
O nome da rosa foi o que foi no seu tempo. E moito antes de que se popularizaran os códigos da vincis (historias parralleiras de segredos da igrexa ocultos en cadros, manuscritos, estatuas…, que de saberse farán caer o Vaticano e non sei que), era este un libro que esixía, precisamente, un lector esixente.
Hoxe Eco tira a toalla. Réndese. E nós, dende logo, contataremos cando saia O nomiño da rosiña, que seremos un chisquiño máis pobres.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.