menu Menu
O ODIO AO GALEGO E A DEMENCIA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 4, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
ODIO A ROUPA DOS DOMINGOS Anterior Cales foron os libros da miña vida (o Power Point!) Seguinte

 

 

 

Atopo por aí un estudo que di que as persoas bilingües teñen menos posibilidadades de padecer demencias como o Alzhéimer que as monolingües. Que o bilingüísmo activa máis partes do cerebro e que, en definitiva, que nos fai máis listos dende un punto de vista cognitivo.

Está ben saber esas cousas. Porque, se eu tivese ganas de provocar, diría que aqueles que traballan sistematicamente, con ganas, con esforzo, con dedicación, nocturnidade e aleivosía por esnaquizar e facer desaparecer para sempre o galego de Galicia, seguro que é non porque estean acomplexados e lles dea vergonza falar castelán con sete vogais e poñer mal os tempos compostos cando falan en castrapo querendo parecer de Toledo, non, senón porque son unha panda de dementes. É interesante, si, porque se eu tivese ganas de seguir provocando a hilaridade ou a comicidade, diría que o estudo é correcto porque menuda panda de dementes son eses galegos e galegas que están contra a lingua propia, sobre todo agora que a ciencia neurolóxica vén darnos a razón.

Pero non vou dicir nada diso. Non vou dicir que os de Galicia Bilingüe son uns dementes demenciais, que va, non, para nada. Mais si que sempre me sorprende ese argumento que repiten unha e outra vez, demencial, que mantén que non hai que estudar galego, senón linguas de futuro, a saber, o inglés e o castelán, e que non hai que perder o tempo estudando idiomas autonómicos. Sempre me pareceu demencial propio de dementes tal argumento, porque é como dicir que na cabeza non entran moitas cousas e que, se estudas galego, non lle deixas sitio ao castelán, ao inglés ou ao chino popular mandarín con acento de Shangai, por dicir algo demencial.

Pois nada, agora que sabemos que aprender moitas linguas á vez é bo, a ver se deixan de tocarnos as neuronas.

Que estou empezando a demenciarme con tanta imbecilidade circundante.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar