menu Menu
O PESO DA NACIÓN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Novembro 22, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
XA SEI O QUE QUERO PARA O NADAL Anterior PROTÉXENOS O ARTIGO 30 (nós tamén indíxenas) Seguinte

POLIPTICO-interior

Estiven a fin de semana en Oleiros participando no IV Encontro de Escritores Novos que organiza como cada ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Novo, o que si di novo, eu xa non son, pero tiven a honra de coordenar unha das mesas, concretamente a que titulamos O peso da nación. Os relatores foron Estíbaliz Espinosa, María Lado e Séchu Sende.

Apaixonante as súas exposicións arredor dunha cuestión fundamental para todos os e as que escribimos en galego e que era a cuestión central da mesa: ata que punto, á hora de escribir, segue presente en nós a necesidade de facer país, de escribir unha literatura nacional; ata que punto, en definitiva, á hora de escribir notamos o peso da nación.

Estíbaliz Espinosa fixo unha brillante exposición na que deixou claro que o compromiso de calquera de nós que escribe é innegable dende o intre no que apostamos por este idioma noso minorizado e maltratado. Sen embargo, sinalou que non goza das obras nas que a carga ideolóxica é tan clara que incluso resulta obscena.

Por outra banda, María Lado fixo unha intelixentísima referencia sobre un asunto no que, cando menos eu, non reparara: é obvio que os novísimos (ese era o sentido do encontro, titulado Eu ou nos?) non teñen tan presente o asunto da loita galeguista, en definitiva, o peso da nación á hora de escribir, como xeracións anteriores. O que non quere dicir, por suposto, que non  estean comprometidos coa causa dende todos os puntos de vista. A idea que me pareceu brillante foi que, cando xa estaba todo iso superado, de súpeto aparece Gloria Lago e reactívanos a todos na defensa común dun ideario común.

Séchu Sende reivindicou o humor para nos rir de nós mesmos ao tempo que apuntou unha idea ben suxestiva: a pesar do negrísimo que está todo, hai que teimar na idea de facer medrar o número de neofalantes.

Foron dous días de intensísimos debates, públicos e privados, na palestra e arredor dun café ou dun licor, na que unha cantidade grande de escritoras e de escritores novos deste país fixéronnos entender, aos que xa non o somos tanto, que o futuro é ben saboroso e, sobre todo, ben interesante.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar