menu Menú
O PRACER DE LERMOS XUNTOS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en enero 1, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
SOBRE O ARTIGO DE GLORIA LAGO NO 'FARO DE VIGO' Anterior A MIÑA POSTAL DE NADAL Siguiente

lendo xuntos

O día 30 aconteceume algo que gosto de compartir aquí con todos vós, como colofón fantástico para un ano e, sobre todo, como experiencia para aplicar cousas para o que vén.

diario_de_una_ninera_1Á noite, estabamos realmente cansos. Toda a familia tirada no sofá vendo unha película parviña na que, en principio, o único interesante para min era a presenza de Scarlett Johannson. Contra a metade, o meu fillo maior di que vai ler á súa habitación. Un libro que ten que ler obrigado por unha profesora. Aínda que o que vou dicir é politicamente incorrecto (pero imos encetar o ano plenos de sinceridade) o certo é que en moitas ocasións hai mestres e mestras que máis que recomendar un libro semella que buscan afastar un chisco máis aos escolares da lectura. Mais non é o caso. Xa van varios anos que non podo máis que aledarme das boas escollas que fan no instituto. Un libro de relatos de ciencia ficción. Pasado un tempo, el sae da habitación e dime, tes que ler este relato. Collo o libro e decátome de que son como vinte páxinas. Carafio. Estou máis que canso. Non che me apetece nada. Ademais, está aí Scarlett Johannson. Tentado estou de dicir que non. Pero digo que si. E eu, que non son un gran namorado do xénero, gozo moito lendo ese relato. Que me encanta e me sorprende. Ao carallo a película. Perdoa, Scarlett, un fillo é un fillo. Entro na habitación. Comento o final do relato con el. Parolamos arredor das probas que tiña que superar o heroe. Os dous coincidimos: é caralludo ese relato.

arthur-c-clarkebradbury-ray1E de súbeto, unha noite que ía ser a de estar estomballados diante do sofá vendo unha película parviña, convértese nunha oportunidade para irmos xuntos á biblioteca da casa, que está chea de libros para compartir. E procuramos volumes de ciencia ficción, de Arthur C. Clarke, que está no seu libro, e de Ray Bradbury, que tamén. E quedamos en que cando el remate o volume lereino eu. E que despois el lerá eses que vimos de tirar dos andeis.

O pracer de lermos xuntos. O pracer de compartir literatura.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar