Escoito na radio que en non sei cal ex-república da URSS de nome impronunciable (confío en que algún dos lectores ou lectoras deste blog nos dea o dato exacto), ao presidente elixido, antes de tomar posesión, fáiselle un exame lingüístico na televisión para comprobar o seu coñecemento da lingua propia, que, por certo, non fala case que ninguén, pero é a propia, xa que case que todos falan ruso, mais é a lingua propia e esíxenlle coñecela.
Se non a coñece nun mínimo, non pode ser presidente. Por iso de que é a lingua propia, ¿saben?
O actual presidente vén de bater a marca de palabras coñecidas, en concreto, 250 da lingua propia do país que, por certo, non fala case que ninguén pero é a propia, etc, que non vou repetir o mesmo que no parágrafo anterior.
Para ser presidente da Xunta habería que pasar, tamén, algunha clase de exame lingüístico. Non me refiro, por certo, ao señor Feijoo, que ten un galego aceptable (mellor dende logo que o que manexaba o anterior presidente), senón a calquera que quixese optar á presidencia. E quen di ao presidente di aos conselleiros (algúns só se expresan, en Galicia, en castelán, e está claro que non coñecen a lingua propio do país que gobernan).
Ou o que é o mesmo: que non se debería permitir que ningún funcionario da Xunta (e simbolicamente os políticos que nos representan serían a categoría máis alta dos mesmos) exerzan o seu cargo sen demostrar que coñecen a lingua do país.
¿Ou imaxina alguén a algún ministro de Zapatero que fose incapaz de expresarse en castelán?
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.