menu Menu
O problema é que non temos poder
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 22, 2012 0 Comentarios 4 min lectura
Unha momia resesa, un vampiro cariado, un home eléctrico sen baterías e un peludo sen depilar Anterior Aquel ataque de loucura de Rajoy (conto fantástico) Seguinte

Unha das ilusións máis interesantes que se nos activaron no corazón a raíz das protestas dos indignados, era que o poder volvía aos cidadáns e cidadás, que agora, fartos de tanto esperar monotonamente ás eleccións cada catro anos, fartos da partitocracia orgánica, estabamos na rúa para pedir o que é noso, a saber, o dereito a ser escoitados, a ser atendidos, a que se teña en conta á cidadanía real e concreta. Esa idea, alimentada pola presión, a cada día máis efectiva, que facemos dende as redes sociais para falar de todo, denunciar todo, queixarnos de todo, propoñer alternativas, soñarmos xuntos (sobre todo ofrecendo esa información que os medios de comunicación tradicionais silencian e que dende as redes amplificamos), foi  medrando ata o punto de que chegamos a crer que si. Que agora si. E de todas as ideas, a máis forte, a máis interesante, era aquela que dicía que os bancos e os banqueiros non podían ser o centro, e que o capital da xente tiña que servir, precisamente, para atender á xente. Do movemento 15 M, para min, esa era a idea máis gorentosa: as entidades financeiras teñen o que teñen porque as persoas meten aí os seus cartiños e, daquela, deben ser esas persoas as beneficiarias das contas de resultados, non os especuladores mundiais. As outras, en especial esa idea infantil e reducionista de todos os políticos son iguais, á merda con todos, esa non a comparto pois, entre outras cousas, non é certa. Que van ser todos os políticos iguais. Para nada o son. Hai  moi boa xente traballando polos demais. Hai moi boa xente implicada no proxecto de cambiar o mundo para mellor. Non é certo que están todos aí para lucrarse. Dicir que todos son da mesma maneira é como dicir que todos os escritores son de tal outro xeito, ou que todos os calvos son non sei que. Esa idea, como digo, infantiloide, infantilizante e reducionista, serve, entre outras cousas, para que os que odian o sistema democrático medren. Semella un paradoxo pero é así. E iso a min non me gusta e ademais é sumamente perigoso.

Ao que vou: o problema é que non temos poder. Todos os movementos de indignación, a saída por milleiros á rúa fíxonos crer que realmente tiñamos o poder. Que agora chegaba o tempo das persoas.

Pero non e para nada.

Na Ciencia Política defínese o poder como a capacidade para influir sobre outras persoas. Por iso é importante distinguir poder de mando. Non ten que ver necesariamente unha cousa sobre a outra. Un ditador ten mando, pero non ten necesariamente poder. Messi ou Cristiano Ronaldo, infortunadamente, teñen poder. Belén Esteban tamén ten poder. Por iso, tamén, nos vai como nos vai.

Os cidadáns e as cidadás non temos poder. Porque acaban de rescatar a Banca. Porque acaban de inxectar millóns de millóns dos nosos cartos en salvar a Banca, os banqueiros, as súas indemnizacións, a súa conta de resultados, os seus negocios. É así de directo e así de claro. Por iso digo que non temos poder, porque o 15 M foi o outro día e en teoría é un movemento aínda moi vivo. Porque se supón que seguimos indignados. E diante dos nosos narices indignados e cabreados e molestos e fartos, diante dos nosos narices dispostos a facer política doutra maneira, rescátannos iso que eufemisticamente chamamos sistema finaceiro pero que é só o cu gordo de señores de cu gordo, con perdón, aos que os nosos cus non lles importa o máis mínimo.

E non pasa nada. Xoga La Roja. A ver se gañan a Francia dunha vez.

Somos mindundis. Non temos poder ningún. Pero ningún ningún.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar