menu Menu
O ROXY, PAUL NASCHY E H.P. LOVECRAFT
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 24, 2010 0 Comentarios 2 min lectura
VARRENDO A NÉBOA Anterior ESTE PAÍS VAI SAÍR ADIANTE Seguinte

paul

Pasei a infancia metido no Cine Roxy, un cinema de barrio que estaba na rúa Sanjurjo Badía de Vigo, ao carón mesmo da miña casa. Interminables sesións continuas nas que entrabas ás cinco e saías ás nove, para cear, despois de ver dúas películas. Nenos e nenas do barrio correndo en plena película, co acomodador, que vestía como un almirante, perseguíndonos. Flocos de millo. Fragolosinas de fresa. Pipas a moreas. E os primeiros bicos. E a miña nai, que de súpeto, e sen pagar entrada, por suposto, como tanta outra xente, entraba e pegaba un berro para chamarme e que fose cear. Só botaban un anuncio. O do cole. Aplaudiamos a rabiar.

Pasei a infancia no cine Roxy. Había Butaca e Arriba. A divertida era a de arriba. A máis conflitiva, tamén. Alí arriba pasaron cousas que, se llas contase hoxe aos pequechos, non dubidarían en cualificarnos como perigosos delincuentes. Que divertido era todo.

Pasei a infancia vendo películas de Paul Naschy, que vén de deixarnos hai pouco. Pelis de o Home Lobo, Drácula, A Momia e Frankenstein. Lembro unha na que saían os catro. Sangue a esgalla. E películas de mexicanos, e de El Zorro, e moito, moito Bruce Lee. E sempre Naschy, e o seu amigo, Christopher Lee, ou o que é o mesmo, Drácula, pegándolles trabadas no colo a fermosas raparigas de pel estremadamente branca. No Roxy vin “El exorcista” cando tiña dez anos ou así. Tardei en durmir ben un mundo.

Cando escoitei aquela canción de Serrat que vos poño máis abaixo, crin tolear.

herenciasilvia_abascalO día en que Paul Naschy morreu, comecei a ler a H.P. Lovecraft. Digo sen vergonza que non o tiña lido. Pero estouno remediando. Con gran pracer, entérome de que a súa derradeira fita, La herencia Valdemar, protagonizada pola fermosísima Silvia Abascal, está inspirada nun conto dese autor.

É como se o círculo se pechara.

Pasei a infancia no cine Roxy. Alí agora hai un edificio, poboado de fantasmas. Quizais algún día, aínda que sexa en soños, me meta eu por alí, con Paul Naschy, a trabarlle no colo a rapazas fermosas de pel estremadamente branca.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/SabScmosrdo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar