© Francisco Castro 2023
Benvida. Benvido. Son Francisco Castro. Escritor. Vivo nos libros. E nas palabras. Entra e dá un paseo.
Catálogo de su obra en gallego
Carla, a protagonista desta novela, organiza a vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta. O amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis. Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha?, e que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo? Unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.
Antonio non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu pai. O problema é que o seu pai leva morto un día. Así arranca esta trepidante historia de intriga e suspense na que Francisco Castro constrúe unha trama que contén, á súa vez, moitas historias distintas. A través de correos electrónicos, cartas e outra clase de pistas misteriosas e sorprendentes, o seu pai, morto, ou quen está a facerse pasar por el, vai obrigando a que o protagonista investigue un terrible asunto do pasado que quedou sen resolver. Libros misteriosos, vinganzas dende o Máis Alá, historias de amor que hai que manter ocultas…, todo un mollo de asuntos nunha novela que nos vai levar de viaxe pola historia recente de España e Galicia, mais tamén por dentro do corazón dos namorados que o están de verdade.
O neno can é un libro de relatos nos que quixeron abordar asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha parte moi importante dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día. Así, cóntannos historias deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo; a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas; a discriminación de quen é diferente por calquera motivo e así carne de canón social.
A artista Patricia Castelao puxo o punto plástico perfecto para que poidamos gozar dun libro que, ademais de apostar pola xustiza e a liberdade, nos agasalla cunhas historias cheas de vida, a pesar da crueza das realidades que conta, e que van engancharnos dende a primeira liña.
Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontencendo agora mesmo en calquera das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.
A novela desenvólvese no ambiente da burguesía cidadá, entre adegueiros e presentadores de televisión, e descobre para os lectores os ocultos círculos do sadomasoquismo. O detective Xulio Míguez serve ao autor para sacar á luz algunhas das corruptelas da sociedade contemporánea, na que os medios de comunicación e os intereses empresariais se mesturan cos baixos instintos.
Nesta nova novela, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia, o autor viaxa á Venecia do século XIII para construír unha historia de amor entre un xove soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que ten anulada a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada por este a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa, xa que logo é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que, xa contra o final da súa vida, vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura.
Polo medio, un enigma, un segredo como suxire o título, que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro.
As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar.
Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando. O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.
Esta é unha novela sobre a liberdade. E sobre os soños. Dos homes e dos pobos. As palabras da néboa é unha historia sobre tres destinos. Un aventureiro que volve do Novo Mundo; un señor feudal derrotado; unha muller libre que cambia a realidade só coa palabra. Maxia, libros prohibidos e unha revolta campesiña na Galicia do século XVI forman o pano de fondo no que Francisco Castro sitúa un relato de guerras, meigallos, violencia e épica colectiva. Unha historia sobre o dereito á utopía.
Unha novela que xoga con hipertexto de Internet e racha co discurso literario tradicional.
Observar a vida dos demais, penetrar nos seus pensamentos, mantelos baixo control, é a obsesión dun home que só é capaz de comunicarse a través do teclado e a pantalla do ordenador.
Spam introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido.
Esta novela fala de Ricardo, un mozo que pasa droga e quere abandonar ese mundo. É tamén o relato da súa xeración, a xente do seu barrio e do seu tempo: os que tiñan pouco máis de dez anos cando Franco morreu, cando os Bee Gees campaban nas radios. Escrita nun ton irónico que logra conservar todo o ton evocador da boa narrativa, a novela ten unha prosa de ritmo áxil, cun narrador en primeira persoa que se dirixe de maneira directa ao lector, logrando a súa complicidade.
Además de sus obras en catálogo puedes consultar su Obra traducida.
Página anterior Siguiente página
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.