menu Menú
OS BEATLES TEÑEN A SOLUCIÓN PARA A CRISE
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en octubre 13, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
CUARTA EDICIÓN PARA 'CHAMÁDEME SIMBAD' Anterior PRESENTACIÓN DE 'IN VINO VERITAS' EN ALLARIZ Siguiente


A ver: todo o mundo sabe que son un beatlemaníaco enfermizo, así que recoñezo que o titular é un chisco esaxerado. Pero igual non tanto, porque onte estiven lendo sobre Geoff Emerick, o que foi enxeñeiro de gravación dos Beatles en moitísimos discos dos Fab Four (o segundo no staff de Abbey Road despois de George Martin) e chamoume a atención cando dicía que á hora de lle atopar unha posible explicación á fervenza creativa que demostraron aqueles catro, á hora de racionalizar o por que a tanta xenialidade, que hai que ter en conta o limitado da tecnoloxía, as barreiras que atopaban, as dificultades para materializar o que querían facer. É dicir, eles tiñan na cabeza moitas máis cousas das que de verdade se podían gravar hai medio século. Daquela, tiñan que se esforzar todos para que daquela limitación saíse -e abofé que o lograron- algo grande. Tanto, que incluso a día de hoxe seguimos sorprendidos diante dalgúns discos.
Pensaredes: este tipo está enfermiño, pero foi ler iso e reflexionar sobre a crise. E saber que esa é unha das receitas que teremos que aplicar para que o futuro non nos coma con patacas.
Que hai crise é indiscutible. Que veñen tempos moi duros, innegable. Que imos pasalo mal, seguro. Que xa nada é como era, claro.
E no caso da cultura e da lingua, ben sabemos que a realidade é ben negra: están quitándonos espazos de visibilidade, atacan a nosa cultura, machacan a nosa lingua, mándannos ao paro, avisan do que vai pasar en canto gañen (a bromita do twitter…).
En definitiva, que entre a situación económica e a política están a deixarnos sen auga para beber.
Vale, si. Pois aquí é onde entran os Beatles.
Tócanos facer o mesmo, a saber: esforzarse en inventar, en sermos creativos, en procurar luz entre tanta escuridade. Sobre todo porque hai que ser moi conscientes de que ninguén vai facelo por nós e, como xa dixen, imos ter que, igual que sempre, erguernos moi de mañá para escribir libros, para educar aos fillos e fillas nos valores que cremos, para exercer a democracia a pesar do totalitarismo circundante, para loitar por unha vida máis digna a pesar de que nos rouben nos fociños. Escasiños como nos obrigarán a andar, non poderán quitarnos (a non ser que queiramos ou nos deixemos) a creatividade ou a ilusión.
Así que a inventar o futuro igual que outros inventaron sons incribles cando non se podían nin sequera soñar.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar