Non sei que me pasa, pero dende hai un tempo só son capaz de ler poesía. Máis ou menos debo de levar un ano ou así, lendo con vagar poemarios novos e poemarios de sempre. A noite pasada, de feito, volvín a Confieso que he vivido, de Neruda, unhas memorias que son en si mesmas dabondo poéticas .
Insisto, non sei que me pasa. Debe de ser cousa da idade. Pero ademais de estar lendo todo o tempo poesía ( e escoitando a toda mecha rock and roll ata ficar medio xordo, ¿non é un chisco contraditorio isto? ) o certo é que de cada vez procuro poemas máis sinxelos, que me deixen moi lonxe a necesidade de interpretalos.
No fondo, era aquilo que dicía Lennon, cando descobriu que todo o mundo escribía longuísimos e sesudísimos estudos sobre o que el quería en realidade dicir coas letras das súas cancións. Todos eran capaces de atopar cousas que el nunca imaxinara. E iso amoláballe. Por iso, escribiu unha canción de letra absolutamente absurda e sen significado, Glass Onion, para que, cando menos, se esforzasen na interpretación. E atopáronlla, claro.
Para Lennon, o que escribía, era só poesía. Para moitos, a posibilidade de buscarlle tres pés ao gato.
Pois iso: que de cada vez con máis forza só quero poemas sobre gatos con catro pés.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.