menu Menú
OS MÁIS VIOLENTOS QUE OS VIOLENTOS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 11, 2008 0 Comentarios 2 min lectura
A CASA DE CASTELAO Anterior O ANUNCIO Siguiente

O outro día, lendo unha reportaxe sobre a saída dunha biografía sobre Himmler, xa sabedes, o segundo de Hitler e responsable de executar ( nunca este verbo foi máis descritivo ) a millóns de persoas nos campos de exterminio, souben dun dato que descoñecía: que en realidade, a idea das cámaras de gas ocorréuselle, seica, en outubro do ano 41 ao xefe de policía e das SS do distrito de Lublin. Ao xerarca nazi pareceulle unha idea brillante e o resto xa se sabe como foi.
Lendo a reportaxe, lembreime dun feito da miña infancia que de certo que será familiar para moitos e moitas dos que len este blog. Acordeime subetamente da carraxe que me daba o comportamento dalgúns compañeiros da escola ( falo de cando eu era moi pequerrecho e na escola se pegaba con total naturalidade, que bestas… ), que se ofrecían para traerlle ao profesor ou á profesora unha vara de vimbio ou algún bo pao unha vez que o habitual rachaba. Iso pasaba na miña pequena escola ( en realidade, un garaxe ) unitaria en Teis. Daban con varas nas mans, nas cabezas, nas costas, onde cadrara ( hei de dicir que a min nunca me deron; seica era un cacho pan e un tipo obediente, mais presenciei, coma todos, castigos físicos brutais ). Cando o artefacto torturador rachaba, sempre había algún neno que se ofrecía a conseguirlle outro.
Levo iso gravado na memoria.
O recordo resucitoumo o asunto das cámaras de gas.
Sempre hai máis violentos que os violentos, xentes grisiñas que queren impresionar aos seus superiores ofrecéndose para perfeccionar os métodos da dor.
( Quizais por iso, debo recoñecelo, no fondo aledábame cando eran eles os pegados coas súas propias varas ).
No fondo é unha lembranza ben tristeira.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar