Hoxe á mañá estiven nun instituto galego, entre outras cousas, impartindo un Obradoiro de Creación Literaria para alumnos da ESO, dende primeiro a cuarto. No descanso, falaba cunha profesora de galego, unha desas mestras que dá gusto que existan, dinamizadora, entusiasta e traballadora da cultura, que fai moitísimo máis do que a obriga o seu soldo, de que este tipo de actividades deberían -esa é a miña opinión- incorporarse como unha rutina normal nas clases de lingua e literatura, é dicir, que está moi ben aprender correntes e teorías e as vidas e milagres dos escritores e escritoras ao longo da historia, e que saiban das estruturas narrativas, e dos interiores da arquitectura poética dos grandes nomes do seu libro de texto, que si. Pero que eu creo que debería haber algo máis.
Porque eu, que queren que lles diga, estou certo de que se facemos que redacten un poema, se conseguimos que desenvolvan unha pequena historia, se somos quen de lograr que alucinen vendo que son capaces de producir beleza literaria, daquela, é máis que probable que iso que chamamos aprendizaxe literaria se achegue máis ao que debe ser que o que dende sempre, per saecula saeculorum, leva sendo.
(Así que aproveito para lembrarvos, xa que estamos, que vou impartir un Obradoiro de Creación Literaria en Santiago. Información aquí. Ánimo que quedan algunhas prazas para todos aqueles que vos gusta escribir).
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.