menu Menu
OS PERIGOS DE LER NUN AVIÓN
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Febreiro 15, 2011 0 Comentarios 2 min lectura
NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (11) Anterior NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (10) Seguinte

O luns collín un avión a Madrid antes de que saíse o sol. Non durmira nadiña e estaba moi canso. Así que igual iso explica o que me pasou á ida.
Eu son dos que sempre le a revista que che dan no avión. Sempre hai cousas interesantes. Esa axenda de actos en Moscú, en Bratislava, en Gatz, en todos eses sitios aos que sabes que non vas ir. Esas reportaxes sobre o tirado que está agora ese destino idílico no Caribe, ao que tampouco vas ir. E os anuncios. Impresionantes páxinas brillantes con fotos de mulleres explosivas e homes triunfadores lucindo esas cousas que ti, por suposto, non vas comprar aínda que estean ao teu dispor no propio avión.
Pásase ben, si.
Na revista de Iberia deste mes vexo un anuncio que na parte de abaixo di que poden aprenderme a “hacer desaparecer gente sin problemas”. A cousa parece sedutora, sobre todo porque o fulano que me tocou ao lado apesta a viño e vai roncando coa boca aberta. Saco a libreta de notas para coller un boli e marcar o anuncio, ata que me decato de que é unha guía práctica de Photoshop. Daquela, tiven que esquecelo.
Xa a piques de chegar a Madrid, unha Penélope Cruz medio espida sorrime moi decidida. Debaixo da súa foto dise literalmente: “Miniatura disponible a bordo”. Non o penso dúas veces. Quero unha. Quero a esta en miniatura. Chamo á azafata. Cando ela xa ven polo corredor, cara ese tipo calvo e entusiasmado que levanta a man para chamala coma un colexial ansioso que por fin sabe unha resposta na clase de matemáticas, vexo que é un anuncio de colonia.
Xa non leo máis revistas destas nunca máis.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar