menu Menu
OS QUE NON TEMOS PUTA IDEA (post con exhabruptos e pedindo perdón e que disimulen)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 11, 2012 0 Comentarios 3 min lectura
AQUEL CINE ROXY SEN 3D DA MIÑA INFANCIA Anterior ODIO A ROUPA DOS DOMINGOS Seguinte

Eles, especulando. Hai xente con nome e apelidos, que viven probablemente en casas limpiñas, que saben sorrir e están ben educados, que traballan, claro, todos no primeiro  mundo, que viven de especular, que entenden a realidade como un xogo no que os que curramos, os que tiramos para adiante como podemos, somos só pezas que non importa sacrificar, monicreques dun teatro global nunha obra que non entendemos e no que Eles van improvisando o guión segundo as súas finaceiras necesidades.

Eles, os que especulan, son os señores dos índices bursátiles, os xeques do petróleo, os magnates das armas, os grandes capos da droga. Concretando: o mercado.

Porque aquí goberna O Mercado.

Ese que se cae e nos leva a todos para adiante.

Ese que está a consumir a democracia.

Eles son os que saben cando convén -e non lles importa- que morran milleiros de persoas de fame. Os que entenden a realidade como a eles lles parece que debe ser a realidade e asumen (mentres toman te ou esnifan coca ou foden nunha prostituta de luxo) que non pasa nada se medra o paro, se hai máis violencia, se non chegan as vacinas, se cousas que se poden solucionar non se solucionan ata que lle poidamos tirar proveito.

Porque sempre  hai quen tira proveito da merda, con perdón.

Eu non teño nin idea, case que teño ganas dicir que non teño nin puta idea, do por que desta crise. Eu non sei que pasa. Dígoo de verdade e co corazón  na man. Mais si sei que nin ti, nin eu, nin a meirande parte da xente honrada, traballadora, normal, que a padece, tivo nada que ver con ela a pesar de que Eles nos queiran botar a culpa (ou ás autonomías, como suxire Esperancita, tan listiña ela coma sempre). Amólame escoitar iso de que estabamos vivindo por enriba das nosas posibilidades. Amólame que me digan que me teñen que recortar cando a igrexa sigue recibindo os seus trece millóns de euros mensuais, aproximadamente, e que saen de parvos coma min, que non son católico e son ateo e xa que estamos, anticlerical. Pero pago para eles, claro. E non me preguntan se me parece ben, mal ou regular.

Eles, especulan. O mundo é un grande taboleiro que se move dun lado para outro, caia quen caia, para que cadren as balanzas, para que os números (lles) saian, para que non deixen de ganar. E se perden, daquela, perdemos todos. E se gañan, daquela só gañan eles. Nós perdemos igual.

Eu son un burro que non ten nin (puta) idea.

Os que saben son os que especulan.

Eles si que son listos.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar