menu Menu
OS RECORTES EN SANIDADE, O ABORTO E O CATOLICISMO DO PP
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xullo 31, 2012 0 Comentarios 3 min lectura
Co meu 'Spam' en italiano Anterior Somos persoas, non datos Seguinte

Hai uns días, cando o Partido Popular se cargou a lei do aborto (agora as mulleres terán que parir contra da súa vontade; agora as ricas abortarán con seguridade e as pobres arriscarán a súa vida, como no franquismo, aquela Terra Prometida para eles), provocando un retroceso de trinta anos porque si, os principais analistas políticos que se ocuparon do asunto obviaron destacar o máis importante.

Refírome a que, cando se comezaron a analizar as distintas valoracións que ían facendo as diferentes formacións políticas, case que ninguén reparou en que un voceiro do PP (non lembro quen, pero si que era un home, non unha muller), sinalou que, a fin de contas, o Partido Popular estaba sendo coherente coa súa liña ideolóxica. Certo. Aí non mentiu. A liña ideolóxica do PP díctaa Rouco Varela, xa saben, ese que soa para Papa romano aínda que sexa de Vilalba, o mesmo que aínda non escribiu unha liña para condear a pederastia, o mesmo que aínda non ofreceu vender unhas cantas alfaias que lle sobre á Igrexa para darlle de comer aos que o precisen, o mesmo que aínda non colleu polas barbas ao de Sanjenjo para dicirlle, mira, pensa máis nos pobres e menos nos mercados. Ese. Pois ben, esa liña ideolóxica, ditada polos curas (que non as monxas: o Vaticano é o único estado europeo onde a muller é discriminada por lei), é a que considera que o óvulo fecundado é un ser humano e, daquela, que non se pode abortar.

Eu aí non me meto. Paréceme un erro de planteamento insostible dende un punto de vista racional, pero disto non vou falar agora.

Do que quero falar é da hipocrisía dun goberno que se inspira na tradición católica española (así din sempre) e que, sen embargo, plantea retirar a atención sanitaria a quen non teña papeis (iso debe de ser o do amor ao próximo), que recurta a axuda aos anciáns (iso debe de ser o de honrar ao pai e á nai), que nos meteu na guerra de Iraq (iso debe de ser o de non matarás).

A min non me importa que o PP sexa un partido católico e que, amparándose niso, se carguen Educación para a Cidadanía, por exemplo, falen de recurrir ante os tribunais o matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou o que lles pete. Alá os españois co sentido do seu voto. O que me rebenta é que, para o que lles convén, esgriman un pensamento e, cando lles molesta o pasen polo forro dos gallumbos.

A non ser que consideren, que pode ser, que non todos son fillos de Deus.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar