Na Editorial Galaxia publicamos hai unha semana o ensaio de Slavoj Žižek titulado Pandemia. A Covid-19 sacode o mundo, un texto urxente que un dos pensadores máis influentes da actualidade escribiu e que está a ser un éxito de vendas, e de impacto, en todo o mundo. En galego témolo grazas ao traballo de tradución, magnífico, de Carlos Aymerich.
Tiven ocasión de ler a tradución cando comezamos coa produción do libro na Editorial, e con máis acougo estes días na casa, suliñando co bolígrafo, anotando reflexións, dialogando co autor. Aprendendo.
Quen se achegue ao texto entenderá moitas cousas. O efecto da Pandemia sobre os dereitos e liberdades tan duramente gañados; a inconsciencia de Trump e de tantos coma el que prefiren á economía por riba da vida das persoas; a necesidade dun “novo comunismo” traducido en solidariedade global para facerlle fronte a un problema que é global; a habilidade de certas forzas transnacionais para, en nome da nosa “seguridade” impoñernos mecanismos de control absolutamente insoportables e que vulneran os nosos dereitos máis básicos…
Mais, sobre todo, hai dúas ideas poderosas que quedan remoendo na cabeza trala lectura deste ensaio:
-Que esta crise da COVID-19 non é máis que un ensaio xeral para a grande crise que se nos presenta (que xa está entre nós) e que non é outra que a crise climática. Como sinala o autor, a máis brutal crise económica que poidamos maxinar non é nada comparado co que pode vir enriba de nós por mor do quecemento global. Porque o mal chamado Cambio Climático (que non é máis que Quecemento Global, pero semella que cambio climático soa máis suave) mata moita máis xente ao ano do que a COVID-19 e, por suposto, o ano que vén, volverá facelo. Seica esa “pandemia” non a damos visto.
-Que o modelo neoliberal colapsou. Que xa o fixo hai tempo, pero que esta pandemia vén demostrar esa debacle dun xeito inequívoco. A sociedade de libre mercado non está preparada (entre outras cousas porque se centra máis na Bolsa que na xente) para lle facer fronte a un acontecemento como o que estamos vivindo.
O modelo neoliberal que pon o centro da realidade nos cartos é un modelo esgotado, en colapso e implosión. Así que Slavoj Žižek deixa abertas unhas cantas preguntas, sobre todo, a máis importante de todas e que ten que ver coa constatación de que si, en efecto, nada volverá ser coma antes, que nos espera unha Nova Normalidade que ninguén sabe como é. Así pois, a gran pregunta, a que importa non é en que vai consisitr ese cambio senón en se seremos conscientes de que ese cambio temos que dirixilo cara un lugar mellor. Se a única alteranativa que se nos ocorre é que de novo o mercado, a Bolsa, as entidades financeiras, os bancos centrais, etc., poñan orde para que todo volva ser coma antes, imos cara o desastre. É o tempo de aproveitarmos esta implosión do modelo neoliberal para soñar outra realidade que, como lucidamente explica, non é nin moito menos unha utopía e para nada é difícil de construir.
Porque será ou iso ou o noso propio colapso.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.