menu Menu
Para cando un Instituto para a Internacionalización da Literatura Galega?
Arredor do magnífico traballo feito por Olga Castro e Laura Linares para o Consello da Cultura Galega
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog), Textos para o debate en Outubro 31, 2019 0 Comentarios 7 min lectura
Rosalía e a manada de Manresa Anterior   Quen saca a Franco non é Sánchez, é a democracia Seguinte

Lin con grande interese o traballo titulado A INTERNACIONALIZACIÓN DA LITERATURA GALEGA EN TRADUCIÓN AO INGLÉS: NOVAS OPORTUNIDADES PERANTE UN MERCADO EDITORIAL BRITÁNICO-IRLANDÉS EN APERTURA e que recolle, da autoría de Olga Castro (University of Warwick, Gran Bretaña) e de Laura Linares (University College Cork, Irlanda) as conclusións das xornadas que o Consello da Cultura Galega e The British Academy organizaron en Santiago o 17, 18 e 19 de xuño de 2019.

Recomendo a todo o mundo a súa lectura. Podedes facelo aquí.

Pola miña banda, só quero, como xa fixen nos últimos tempos en artigos coma este, ou estoutro, dar a miña visión, como editor e como escritor, de como vexo eu a situación á luz do que as autoras, moi atinadamente, comentan no seu traballo.

As profesoras Castro e Linares sinalan que:

As editoriais precisan dun gran desembolso económico previo para promover as obras, sen teren a certeza de que vaian frutificar en  venda de dereitos de tradución. Por este motivo, o investimento de tempo, cartos e recursos requirido para a promoción das obras non sempre se corresponde coa rendibilidade, o que pode implicar moitos riscos que chegan a comprometer a viabilidade da empresa ou proxecto editorial.

Non é un asunto pequeno o que se sinala aí. Os editores viaxamos pola nosa conta e risco, e o das nosas empresas, facendo un grande esforzo, ás feiras internacionais co ánimo non só de ver cousas novas que nos poidan interesar mercar para as nosas editoriais senón, tamén, cunha axenda de xuntanzas que poden dar lugar a que unha obra galega se publique noutras linguas. Unha semana en Boloña, en Frankfurt, en Guadalajara, onde sexa, implica un gasto que case que nunca produce un retorno razoable.

Sobre isto, hai algunhas axudas, pero son misérrimas (pensade nunha cantidade ridícula, pois seguro que quedades cortos). De feito, nin axudas se deberían chamar.

Loitar pola internacionalización, así, é difícil. Mais, aínda así, facémolo. Sabemos, e sobre isto xa falei mil veces e volverei máis adiante neste artigo sobre este asunto, de como SI QUE RECIBEN AXUDAS IMPORTANTES vascos e cataláns. Mais, aínda así, imos ás feiras, miramos cada céntimo de euro no hotel ou  nas comidas, e pelexamos por vender esas obras, aprender, e defender os nosos catálogos con enerxía.

As autoras sinalan no informe:

No contexto galego constátase que con frecuencia os esforzos das editoriais e o seu investimento en tempo, cartos e recursos por internacionalizar as súas e os seus autores débese máis ao compromiso coa cultura galega que a unha estratexia comercial de negocio coa que ampliar mercados e obter rendibilidade económica.

Exacto. Compromiso coa cultura galega. E a rendabilidade económica, a estratexia comercial, pasa a segundo plano.

Mais isto non debería ser así. As empresas editoriais galegas deberían ser, ademais de institucións comprometidas co país (como somos), empresas, capaces de ser avaliadas e guiadas no seu día a día por algo tan obxectivo e medible como é o mercado. Pero non acontece. E non acontece por mil motivos que sería longo de máis explicar aquí pero que, para resumir, poderían sintetizarse dicindo que estamos sós, á intemperie, desprotexidos e esquecidos.

Explicareino máis adiante.

No documento explícase que as axudas actuais que ten en marcha a Xunta de Galicia están cheas de problemas. Non están en inglés, por exemplo, esíxese que toda a documentación (imaxinemos, unha editorial sueca ou chinesa) se presente en galego ou castelán (se pides unha axuda en Alemaña, Finlandia ou Romanía, por dicir só tres que coñezo ben, podes facelo en inglés), ou o problema do NIF, que se pide e hai empresas de fóra que non teñen. As profesoras recomendan algo tan obvio como simplificar os procedementos:

“Tal e como se conciben na actualidade, as axudas da Xunta de Galicia presentan deficiencias que as fan pouco atractivas e pouco accesibles para as empresas estranxeiras. É pois esencial corrixir esas deficiencias e publicitar adecuadamente as axudas de tradución dispoñibles en Galicia para estas empresas”.

Que se lle pide pois á Consellería de Cultura? Que tomen nota. Que as simplifiquen. Que axuden para que as axudas, por facer unha brincadeira lingüística, realmente servan de axuda.

As autoras do informe son especialmente críticas, e concordo (todo o sector concorda) co papel desenvolvido pola Administración Pública galega. Acúsana de falta de implicación, de non amosar “intelixencia sectorial”, de non apoiar ao sector do libro galego, de non considerarnos “unha acción estratéxica para aumentar o capital cultural e simbólico” do noso país. É duro. Mais é así.

E entran nalgo que algúns levamos defendendo anos. É necesaria a creación, dun “organismo independente (consorcio, fundación, instituto etc.) que se encargue de maneira profesionalizada do traballo de proxección e difusión exterior da lingua e cultura galegas en todas as súas expresións, incluíndo a
internacionalización, promoción exterior e tradución do libro galego”. Ou sexa, e como se citan no informe, un Instituto idéntico ao que teñen os cataláns (Institut Ramón Llul) ou os vascos (Instituto Vasco Etxepare). Os seus organismos pelexan para esa internacionalización. Os editores e autores de alí teñen un paraugas que os axuda a internacionalizarse, que lles traduce partes da obra para que editores de fóra poidan coñecer a súa obra, que lles axuda a ir a festivais literarios polo mundo, cunha liña telefónica coa que atender aos editores estranxeiros que amosen interese (eu puiden comprobar isto no caso dos tres países citados antes: Alemaña, Finlandia e Romanía, pero hai moitos máis). Temos iso? Non. Terémolo algún día? Semella un soño feliz. E se eles o teñen, por que nós non? Se sabemos que é unha ferramenta que funciona, idéntica a todas as que hai na contorna europea (no pasado Líber puiden comprobalo de primeira man) , por que en Galicia non? Non a merecemos?, non sería interesante?, non sería, obxectivamente falando, algo bo e positivo como o é para esoutros países aos que veño de referirme?

Sobre ese instituto, as autoras sinalan que:

Tense que garantir que este organismo independente funcione de facto como un macroaxente literario da literatura galega (non dunha editorial en concreto), no que as decisións estratéxicas que se tomen sobre títulos que se deben promover sigan criterios técnicos”.

Iso sería importantísimo. Un organismo que traballe con criterios obxectivos e tecnicamente claros a prol da internacionalización da nosa literatura.

A día de hoxe o que temos é algúns autores e autoras que se buscan a vida con axentes literarios (moi poucos e poucas) e outros que, cando os editores e editoras estamos brillantes nas feiras, lles conseguimos algún contrato. Ou sexa, Galicia en estado puro: minifundio tamén nesta cuestión.

Oxalá as autoridades políticas lean ese informe, nos escoiten aos profesionais do sector e entendan que facer medrar Galicia é tamén atender á súa cultura. Non todo é turimo e Xacobeo. Ou non todo debería ser. Porque a cultura galega, malia todo isto, existe. Aínda.

consellería de cultura consello da cultura galega edición feiras do libro laura linares lectura olga castro the british academy xunta de galicai


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar