menu Menu
PEDIATRAS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xuño 20, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
A LUZ NOVA Anterior O PEDRÓN Seguinte

Aviso para navegantes: ninguén vai poder acusarme de radical.
A nova di que onte unha pediatra foi denunciada na Coruña por esixirlle a un neno, cun trato (cito a noticia ), “profundamente vexatorio” e “con moi malos modos”, que se dirixise a ela só en castelán.
Verán que non son nada radical.
Os médicos, coma os profesores, pero nomeadamente os pediatras, deben destacar, a parte de polos seus coñecementos e habilidades técnicas, por ser posuidores dunha profunda humanidade. Se che falta isto último, nin exerzas a mediciña ( House é fabuloso porque é un personaxe de ficción; na realidade non o aturariamos ) nin deas clase. Ninguén che obriga. Déixao. Porque, se che falta iso, os teus pacientes, os teus alumnos, sufrirán.
E todos temos aturado, máis dunha vez e de dúas, a un médico ou profesores insoportables.
Non vou ser radical.
A parte, para exercer a mediciña, e en especial se es pediatra, tes que coidar moito, en beneficio da saúde do doente, a túa comunicación con el. É importante que vos comuniquedes ben. Non podes poñerlle chatas á comunicación.
A este derradeiro argumento podería agarrarse calquera e dicir, ¿ve vostede?, ¿que lle costaba a ese neno falarlle en castelán?
Vale. Pero non sexamos radicais.
Lembremos, só, que a ninguén se lle obriga a ser médico. Lembremos que a ninguén se lle obriga a ser médico en Galicia. E lembremos, finalmente, e xa ven que pouco radical son, que en Galicia hai dúas linguas oficiais. E espero, xa que logo, que ninguén me considere un radical por dicir esta obviedade de perogrullo: se queres exercer a mediciña, incluso falando ti, médico, sempre en castelán, polo menos, digo eu, polo menos, digo humildemente, polo menos e sen pretender soar radical, polo menos deberías poder entender cun mínimo de seguridade unha das dúas linguas oficiais.
¿Verdade que non son radical?
Xa sei que non.
Radical é a actitude dalgunhas pediatras.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar