Mañá hai unha folga convocada no ensino para protestar polo disparate.
Viña pola autoestrada pensando en todo o que vai implicar a aplicación do Decreto se é que finalmente se aproba tal e como está. E pasando de emisora en emisora procurando algo interesante. Parei, quen sabe por que, eu, que non son futboleiro, nunha de deportes. Falaban do Celta e de que machotes que están aí na Copa do Rei e tal e tumba. O programa era en castelán. E eu escoitando sen escoitar, matinando en que vai pasar se o noso idioma perde o prestixio que dá unha presenza forte no ensino, matinando nos prexuízos que ten a xente sobre o galego, en como moito galegofalante, cando teña que escoller idioma, porá castelán por iso de que os fillos aprendan nese idioma, que vai haber moita xente así, xa veredes.
Os prexuízos. Que os hai. E daquela, o locutor falou así:
-Desde luego, hay quien parece que no piensa con la cabeza, sino con “el cu”, como diría el otro.
Ao dicir iso de “el cu”, os tertulianos, todos galegos, todos de Vigo para ser exacto, escacharon a rir. Ou sexa, a información en castelán, pero se hai que facer unha broma de mal gusto, daquela, soltámola na lingua vulgar, é dicir, en galego.
Pensando co cu.
Mañá estou cos folguistas.
Pensando coa cabeza.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.