menu Menu
PERO NON PASA NADA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Abril 7, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
TOURADA EN PADRÓN Anterior QUEN AVISA... Seguinte


Hoxe a prensa dános unha información terrorífica. Pero non pasa nada. Por se alguén non a leu: A farmacéutica Pfizer pagará 55 millóns por usar como cobaias a nenos nixerianos. Está en moitos xornais. Mañá xa non estará. E non pasará nada. A farmacéutica seguirá vendendo medicamentos. Os médicos seguirán recetando produtos dese laboratorio. Cotizarán en bolsa, farán negocios, investigarán o que teñan que investigar. E, moi probablemente, cando volvan facer algo polo estilo, terán máis coidado para que non os collan.
Recoñecen que morreron 11 nenos. Cobaias. Xa que logo, para eles, coma se fosen ratos. Dixo Kant que non podiamos nunca prescindir de ver no outro a dignidade de toda a especie humana. Polo xeral non a vemos. Morreron unha chea deles. Non pasa nada. Consentimos que lles pasen cousas, a estes cobaias, ou ás nenas prostituídas, ou a quen sexa, pero que estea lonxe, moi lonxe, que non os vexamos, que non nos toquen a moral nin a conciencia. Consentimos que lles fagan, que lles fagamos cousas que nunca consentiriamos que lles pasase, que lles fixesen, a calquera neno ou nena branco.
A nova é estarrecedora.
E entran ganas de perderlle a fe a este animal estúpido que se chama a si mesmo racional.
Mañá será outra cousa da que falen os xornais.
E nós, tan amigos de iniciar campañas para que non se merque tal xornal, ou para que tal político non faga isto ou estoutro, neste caso, non faremos nada. Nin contra as petroleiras que propagan a guerra no mundo para satisfacer os seus/os nosos intereses.
Nada faremos. Nada pasará.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar