Hoxe quero botar a andar un xogo. Recoñezo que me inspirei na historia do expresidente de Francia, Valery Gircard D’Estaing que está arrasando, seica, co seu libro titulado La princesa y el presidente. O escritor comenta que foi unha promesa que lle fixo a Lady D. despois de contarlle a historia e de que ela lle dixera que debería escribila. Agora, cumpre esa petición (a trama, por certo, é moi orixinal, mirade: vai dunha princesa chamada Patricia de Cardiff – capital do País de Gales – que é moi mediática, sempre seguida polos paparazzi, e é infeliz no seu matrimonio e daquela ten unha aventura extramarital… orixinal, orixinal, aí si que as musas se esforzaron de carallo).
O xogo vai disto: eu prometo, como o expresidente, aínda que Lady D non siga este blogue, que escribirei un relato sobre o que me pidades, tanto aquí como no facebook, como no twitter. A ver, explícome: damos de prazo ata o 23 de abril, Día do Libro. Coas propostas recibidas (en plan: quero que escribas sobre e aquí poñedes o tema, explicándovos todo o que precisedes) eu escollerei, digamos, as cinco que máis me gusten, e metereinas todas nun relato, á vosa saúde, que publicarei neste blog. ¿O premio para os seleccionados? O mesmo que para os non seleccionados: a miña gratitude enteira e un anaquiño do meu corazón.
Se Valery puido, eu tamén; se Lady D puido, vós tamén.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.