menu Menú
Pido respecto!
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en febrero 28, 2017 0 Comentarios 3 min lectura
Fecernos oír: investir máis en cultura Anterior Tejero e Gutenberg Siguiente

O título deste artigo é unha provocación, si.

Mais tamén a diagnose dunha situación inxusta.

Porque á literatura infantil e xuvenil, aos escritores e escritoras para os máis pequenos e pequenas, non se lles respecta. Case que ninguén o fai. Son moitos os que miran para eles con superioridade, case que perdoándolles a vida, como se non fosen escritoras e escritores «de verdade», como se o seu labor fose de segunda división ou algo culturalmente inferior.

É así aínda que non nos guste. En xeral, o respecto dos, ímolos chamar, «intelectuais», de boa parte da crítica literaria, dos medios de comunicación, etc, pola LIX, é tirando a pouca, escasa e, en moitas ocasións, condescendente. Moitas autoras e autores de Infantil e Xuvenil teñen que aturar decote preguntas na liña de que «cando van escribir para adultos», como se escribir para xente grande fose «facer literatura» e o demais fose mero entretemento ou algo doado de facer. E diso nada: Peter Pan, Alicia, A Illa do Tesouro, O Principiño, A Historia Interminable, Pinoccio, Memorias dun neno labrego…por só poñer uns poucos exemplos de grandes clásicos da Literatura Infantoxuvenil son mostras de grande calidade literaria. Mais este tipo de arroutadas hainas que soportar seguido: a ver, neniña, neniño, cando vas medrar e escribir «de verdade»? Ese prexuizo téñeno tamén, por suposto, moitos escritores e escritoras «para maiores» e, sen dúbida, tamén moitos profesionais da edición.

Non hai respecto intelectual, en xeral, polas producións literarias (e consecuentemente polas autoras e autores) para este chanzo de idade.

Non o  hai porque son invisibles en xeral, por exemplo, nos suplementos literarios dos xornais, nos poucos programas de libros da televisión, nas radios que falan de cultura. Reséñanse, en xeral, digo, hai excepcións, só libros «adultos» e desdéñase, curiosamente, o que máis se le, que son os libros para pequenas e pequenos. Ou ben non se fala deles ou faise case que en plan anecdótico. E iso é algo ilóxico porque se un medio de comunicación pretende facerse eco do que pasa na realidade, habería que entender que a LIX ten moita máis presenza real que a que eles imaxinan. E non estou a tirarme da moto. Os datos son os datos e, nas circunstancias dificilísimas que está a vivir o sector editorial nos últimos anos, o único segmento que medra claramente é o da LIX: case un 5 % en 2014 e máis dun 12 % en 2015. Ou dito doutra maneira: a venda de libros para os máis  novos sustenta, en boa medida, a industria editorial occidental. Véndense os libros e, loxicamente, lense. Mais que a produción para adultas e adultos. E por suposto máis que o ensaio ou a poesía (e estes dous xéneros gozan de moita máis forza comunicativa, sendo minoritarios -e non deberían de selo- que a LIX).

Non hai respecto, tampouco, nuns plans de estudos que seguen falando da importancia da lectura pero que, na práctica, continúan centrándose na memorización e na consecución de obxectivos académicos de dubidosa permanencia na cabeciña logo de feito o exame.

Non hai respecto cando se eliminan ou minimizan ata a delgadez supina as dotacións para as bibliotecas que, como todos e todas entendemos, necesitan fornecer de bos títulos á sección de Infantil e Xuvenil.

Pido respecto para a LIX, e para as profesoras e profesores que son conscientes do importante que é e que a traballan co seu alumnado como é debido.

Pido respecto para quen crea, de verdade, lectoras e lectores.

 


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar