menu Menú
POLA MIÑA CULPA, POLA MIÑA CULPA, POLA MIÑA GRAN CULPA
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 26, 2017 0 Comentarios 2 min lectura
140.000 PERSOAS SEGUEN TIRADAS NAS CUNETAS Anterior Eu, robot divino Siguiente

A sociedade occidental creceu arredor da culpa. Lemos o primeiro libro da Biblia e aí xa estamos coméndonos o primeiro marrón: fóra do Paraíso. Culpables. Á rúa. Por iso hai que bautismarse (verbo que non sei se é normativo pero, mira ti, encántame; como “costurar”, que non sae no dicionario da RAG pero que me volve tolo. Estou escribindo unha novela só para empregar este verbo cen veces ou máis): bautismarse con auga e lavarse de toda culpa.

Poderiamos pasar días analizando como nos relatos fundacionais da nosa cultura a culpa, o verme ese que corroe conciencias por dentro e non nos deixa durmir, está aí, taladrándonos o cerebro ou, como diría un millenial, rallándonos a cabeza dende o nacemento ata, por suposto, o Xuízo Final, que aí si que te vas a enterar, macho. Porque como sexas culpable, tela clara.

Nietzsche e outros filósofos, coma Freud, teñen explicado o letal que resulta iso da culpa metida en vea coma chute metálico que nos deixa abaneando, amargados e con máis engurras das debidas. De feito, dán ganas de pensar que un se volve adulto, ou sexa, que un abandoa a inocencia da nenez, cando aprende a sentirse culpable, aínda que non saiba por que, despois das olladas reprobatorias da familia, do profesorado, da Audiencia Nacional, que está a todo. Reparade, de feito, na maneira en que nos referimos aos pequechos da casa: dicimos que son “os inocentes”, os que actúan con inocencia, os que non saben. Saber, coma Adán e Eva souberon logo de doparse coa mazá da risa, implica empezar a ser culpables. Igual por iso quen nos goberna non quere que saibamos nada sobre ningún tema. Para manternos inocentes. Ou sexa, non culpables.

Estes días, lin, case que seguido, dous artigos curiosos sobre a culpa. Por unha banda, un dun señor sesudo dun xornal de Madrid que razoaba (é un falar) que a auxe do nazismo en Europa era culpa de tantos inmigrantes como veñen para aquí. E por outra banda, a un político español dicindo que por culpa dos independentistas os nazis franquistas españois espertaran.

Eu estaba convencido de que a aparición dos nazis era porque son indesexables idiotizados sen neuronas. Pero resulta que non. Que son inocentes. A culpa, xa sabedes, é sempre dos outros. Que andan provocando. Coma ás que violan. Culpables de excitar á manada coas súas actitudes e minisaias.

(Este artigo saiu publicado no semanario Sermos Galiza do pasado 14 de decembro de 2017)


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar