menu Menú
Por unha verdadeira rede humana: pacto de responsabilidade social
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en diciembre 13, 2009 0 Comentarios 4 min lectura
RESPECTO E PROTECCIÓN PARA NÓS Anterior A BOA EDUCACIÓN (PLEASE, DON'T DISTURB) Siguiente

A través dun bo amigo internauta, recibo un convite para adherirme a este manifesto. Despois de telo lido con grande atención, só podo dicir que todo o que aquí se mantén, paréceme de absoluta xustiza.

Por unha verdadeira rede humana: pacto de responsabilidade social

Porque na era da globalización quen temos acceso á Rede só somos o 24% da poboación mundial, porque 5.100 millóns de persoas non teñen acceso a Internet, porque non somos a sociedade, senón só unha parte dela, porque non queremos ser unha elite, porque non queremos sentirmos privilexiados, porque non queremos xerar máis invisibles e excluídos, nós, parte da cidadanía internauta, demandamos un compromiso firme e afouteza para acabar coa fenda social e dixital. Pedimos un verdadeiro pacto de responsabilidade social aos organismos supranacionais –principalmente a ONU e a UE–, aos gobernos central, autonómicos e locais, aos partidos políticos, aos medios de comunicación masivos e sociais, ás empresas, ás organizacións non gobernamentais e á cidadanía no seu conxunto para que:

  • O acceso á información e o coñecemento, e ás ferramentas tecnolóxicas sexa un dereito universal amparado por lexislacións locais, estatais e supranacionais, e sustentado pola cidadanía.
  • Ese dereito non sexa monopolizado por quen crean, serven e xestionan os medios, as ferramentas e as propias obras, nin unha concesión a quen se lles recoñece un privilexio previo pagamento dos servizos e ferramentas de acceso ao coñecemento global.
  • A Sociedade da Información e o Coñecemento se constrúa pensando en beneficios sociais, primando cuestións claves como son a educación, a solidariedade, a pluralidade e a integración. Mal vai a Sociedade da Información e o Coñecemento se só pensamos en como uns poucos poden acaparar e xestionar o poder e monetizalo, se unicamente existen motivacións económicas, de facturación, mercantís, de lecer e de entretemento,
  • Acabemos coa exclusión de millóns de persoas no mundo real e na Rede de redes. Porque todas elas corren un alto perigo de absoluta invisibilidade. A quen sofren exclusión podemos facelos visibles na vida cotiá e tamén aquí, na Rede de redes.
  • Deamos acceso, ferramentas e visibilidade a quen median entre a sociedade acomodada e a necesitada.
  • Freemos a perigosa endogamia en Internet e a disociación cada vez maior do ecosistema online respecto do mundo real. Porque percibimos un desligamento acelerado dos asuntos que non atinxen directa ou indirectamente á Rede e aos seus membros.
  • Os medios de comunicación masivos e tradicionais, e a blogosfera asuman conxuntamente un compromiso de responsabilidade social. Confundímonos se pensamos en impor un único pensamento en troques de procurar o diálogo que permita pór en común accións que aseguren o progreso no Estado do Benestar, a cohesión e a sustentabilidade.
  • Os xornalistas recobren a responsabilidade social e ética que se lle presupón ao xornalismo. Dificilmente construiremos unha Sociedade da Información e o Coñecemento con ruído, confusión e desinformación. Pedimos rigor e tamén máis e mellor información social.
  • Todos pensemos en clave social. Pensar en clave social é pensar no acceso universal a Internet e a todas as ferramentas tecnolóxicas, porén tamén o é dar visibilidade e espazo aos colectivos e problemas do mundo real, premer no mundo físico e na Internet para que paremos o suicidio colectivo do cambio climático, para que todo o mundo teña acceso universal á sanidade, á educación e á información, para que a ninguén lle falte comida nin auga, para que todas as persoas teñan dereito a unha vivenda e a un traballo dignos, e a unha remuneración xusta polo seu traballo, para que se respecten os dereitos laborais, das mulleres, dos menores, das persoas maiores, dos inmigrantes, dos desprazados e refuxiados, dos doentes, das minorías, das comunidades locais, de todas as razas, linguas e culturas, e do noso medio natural. Pensar en clave social e actuar consecuentemente no mundo físico e na Internet.
  • Pechemos fendas económicas, xeracionais, culturais, de xénero, xeográficas e tecnolóxicas.

Actuemos por construír unha verdadeira rede humana. Porque cada persoa excluída no mundo real e no ecosistema online é un fracaso de todos nós.


Anterior Siguiente

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar