Hoxe todos os xornais, incluso os galegos (manda truco, coa tradición toureira que hai por aquí) comentan, dedicándolle incluso máis espazo que aos mortos do Congo, a reaparición do toureiro Padilla, que se xa metía medo vestido de toureiro, así, cun ollo tapado en plan piratón, dá moito máis. E vaia por diante que me alegro de que non morrese cando o touro lle escoñou o ollo. Pero vaia tamén por diante que me espanta o seu traballo que eu prohibiría, ilegalizaría, reprimiría e moitas máis cousas que rematan en ía.
As teles, que non van ser menos nisto de entronizar a paixón española y olé y olé, amósannos á xente aplaudíndolle antes de ir á praza, cando sae á praza, mentres fai a faena e, claro, despois, cando o sacan a ombros. Que imaxino que terá moito que ver co ben que o fixese e coa ledicia que sentirán, os afeccionados á barbaridade esa, por recuperalo tras o que lle pasou.
Unha emisora galega, pola mañá, comentaba o asunto (era un locutor de aquí, non estaban emitindo dende Madrid) e falaba da boa nova para la fiesta nacional.
Se esta é a festa nacional, e tendo en conta que en Galicia deben ir aos touros menos do un por cento da poboación, daquela, Galicia is not Spain.
Xa sabedes, a min interésanme outras corridas (ou non é máis interesante esta foto de aquí abaixo que a de arriba?)
Olé.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.