Hoxe, nas páxinas económicas de El País, lemos unha interesante reportaxe sobre Takashi Murakami (nada que ver co escritor), Damien Hisrt e Jeff Koons, artistas contemporáneos que, sen pudor de ninguha clase, botaron a andar grupos de empresas para poñer as súas obras no mercado e así chegar a camta máis xente compradora mellor. O lema é a total submisión ao mercado, co cal, o espírito mesmo da creación e, sobre todo, do creador, ponse entre paréntese ou, directamente, desaparece.
No recente Galeúsca no que puiden participar, os colegas vascos e cataláns coincidían con nós en que na nosa literatura non hai obras de consumo rápido, ao xeito dunha Corín Tellado ou, sen ir tan abaixo, ao xeito dun Código Da Vinci. A causa, e eu nunca reparara niso, é que as nosas literaturas subsistiron sempre na resistencia, na pelexa contra outra literatura máis grande e opresora, o que levou a que dende o inicio da mesma, loitaramos por facer grandes obras, literatura enorme, como se só así se nos puidera tomar en serio e como escritores de verdade. A consecuencia máis inmediata de tal feito é que os nosos lectores teñen que ser xente capaz de gustar dese xeito de escribir. Un público, e espero que se me entenda ben, cun puntiño elitista. E iso no fondo é terrible, porque implica case que aceptar que é imposible chegar a grandes públicos masivos.
Así que por aí debe de vir a teima, eterna, de que alguén escriba a Gran Novela Galega. Sempre dixen que falar diso é o mesmo que recoñecer que todo o que escribimos é pouca cousa.
Así que, por min, que lle dean á Gran Novela Galega.
Escribamos novelas. Das boas, das malas e das regulares. Porque somos unha literatura no mundo.
Coma o resto.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.