Herbert Marcuse dende a filosofía no seu “O home unidimensional”, e moito antes dende a literatura George Orwell na súa imprescindible “1984” explicaron as estratexias do totalitarismo para facerse con toda clase de poder, tamén, do lingüístico. Explicaron que para os ditadores, é crucial ser os donos do significado das palabras. Porque as palabras explican o mundo. E se termos como “fascimo” ou “liberdade” só significan unha cousa (aínda que sexa unha evidente burrada) ese significado deturpado pasará a ser o dominante e, xa que logo, esa visión do mundo.
Os de VOX, certa dereita moi ultra de certos medios de comunicación de Madrid, Ciudadanos, moi descaradamente, e o novo discurso remasterizado de Casado, están falando, cunha lixeireza abraiante, de “fascismo lingüístico” dirixido a todos os que, por exemplo, defendemos que en Galicia o galego debe ter a presenza lóxica que, por outra banda, garanten a Constitución e o Estatudo de Autonomía de Galicia. A primeiros de verán, un xornalista de Es Radio chamoumo publicamente, que eu era un fascista por dicir que me parecía de sentido común que o Twitter da Xunta chiara en galego. O fascista era eu. Non el.
Hoxe mesmo, Casado tildou a Diada de Cataluña coma unha “festa xenófoba”. Non dirá o mesmo, por suposto, do Día de la Hispanidad. Pero a súa frase, preñada de odio, serve para cualificar unha celebración civil como unha actividade propia de xente que odia.
Vexo a Albert Rivera e a Inés Arrimadas presumindo de demócratas e cun cartel na man que di LIBERTAD, ao tempo que arrancan lazos amarelos (que só significa solidariedade cos que están en prisión por convocar un referendo). Xa non me vou meter en que é unha actividade claramente provocadora que busca a confrontación (o comportamento do bando independentista está a ser exemplarmente pacífico), senón no medo que dá, nun acto desas características (queren a esa xente pudrirse no cárcere, por facer política!) ver o cartel con esa palabra: liberdade. Ao tempo, da súa boca sae continuamente a palabra DEMOCRACIA cando negan sistematicamente que un referendo, exemplo ben democrático de como se soluciona unha disputa política, se poida celebrar.
O mesmo podo dicir do “conflito lingüístico”. En Galicia vivíase nunha absoluta paz lingüística antes de que Galicia Bilingüe (amparada nun primeiro momento polo PP galego, que viu aí posibilidades electorais) empezase a falar de conflito. É dicir, os que viñeron crealo, son os que din que están para acabar con el. Non había conflito ningún. Como non o había en Sanxenxo ou Baiona, onde os de Hablamos Español (os mesmos de antes), veñen a recoller sinaturas para reivindicar non se sabe que cousa que ninguén, por certo, reivindicaba.
E así, os fascistas din que son fascistas os que queren sacar a Franco do seu mausoleo. E os que provocan confrontación en Cataluña piden “vivir en paz”. E os que odian o galego e queren acabar con el fálannos de bilingüismo e de que as linguas están para unir.
Parte da trampa de toda esta xente é lingüística. Nas nosas mans está crernos eses significados ou non.
cataluña conflito lingüístico fascismo galicia bilingüe hablemos español lazos amarelos vox
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.