menu Menu
QUEREMOS GALEGO. UNHA POSIBLE CRÓNICA (A forza do noso amor non pode ser inútil)
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Outubro 18, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
A IMPORTANCIA DE NON DICIR PARVADAS Anterior PORQUE QUERO GALEGO, ESCRIBÍN ESTE POEMA Seguinte

8ca37e92d11134d176676fc385e60c288c3b4975

Estou derreado, pero co cansazo froito da tensión máis alegre, rebentado e rouco de berrar na miña lingua para dicir e dicir e dicir que quero a miña lingua e que quero que me deixen querela; escaralladiño todo, coas pernas cansas de estar de pé escoitando as verbas dos amigos e das cen mil almas que quixeron apostar polo que outros pretenden destruír, na súa ignorancia parviña.

Percorrimos Compostela abeizoados polo sol desta primavera imprevista. Unha pancarta sinxela cunha mensaxe sinxela na que o verbo querer non é só unha manifestación de esixencia dun dereito, senón, sobre todo, unha declaración de amor. Porque iso é o que foi o que hoxe vivimos en Santiago e na Quintana: un acto de amor colectivo, de amizade profunda cunha terra, cunha historia, co dicir dos avós e das avoas. Unha xornada cívica, e non redundo, chea de civismo, para que logo digan os que falan de conflito. Noutras manifestacións contra o galego houbo xente. Pouca. Hoxe había multitude. Dúas prazas da Quintana que se encheron para obrigarnos a repetir as cancións, as declaracións, as reflexións en alta voz para que se nos escoitara aló onde teñen, aínda que non queran, escoitarnos.

Ollei caras de ilusión, ollei rostros esperanzados en moitas faces amigas ou descoñecidas. Achei un sentimento de verdade e de coherencia. Quedoume clara a confirmación de que estamos no camiño no que cómpre estar. E fico, insisto, feliz nesta batalla que prefeririamos non ter que librar, coa felicidade que dan os camaradas de sentimento que pelexan, dende o raciocinio e o senso común, na mesma idea cá un.

Especialmente emocionante foron para min algúns momentos: cando inciamos a marcha, sabendo todos os que viñan detrás, moitos máis dos que se soñaran nos días máis imaxinativos; cando Avelino Pousa Antelo, dende os seus 95 anos gloriosos, nos falou cheo de sabedoría e retranca; cando os meus ollos se deitaron nos de tanta rapazada chea de fe: en vós depositamos o futuro; cando as verbas de Manuel María e de Uxío Novoneyra e de Celso Emilio Ferreiro viñeron acariñar os nosos corazóns; cando cantamos o himno…

Escribo a toda velocidade esta pouco ponderada crónica. Para bicarvos dende o teclado do meu ordenador, extensión hoxe da miña emoción intensa. Seguro, tamén, de que esta batalla é imposible que a perdamos. Como se repetiu e repetiu, a forza do noso amor non pode ser inútil.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar