Estou a pasar uns días de traballo no LIBER 2019, a grande feira profesional do libro e que xunta, un ano en Madrid, outro en Barcelona, a todos os profesionais de todos os sectores do mundo do libro. Editoriais, librerías, distribuidoras, impresoras, tradutores e tradutoras, algúns autores e autoras…estamos estes días na capital de España intercambiando experiencias, facendo negocios e, sobre todo, aprendendo moito.
Hoxe, por exemplo, aprendín que quero ser un escritor finés.
Asistín pola mañá, a unha presentación na que representantes dos ministerios de cultura de Alemaña, Hungría, Chequia, Italia, Francia, Portugal, Romanía e Eslovenia, explicaban as liñas de axuda que os seus gobernos tiñan previstos para que os editores de España nos animásemos a traducir e publicar nas nosas linguas a eses autores. Unha chea de posibilidades que, nalgúns casos, poden cubrir o 100% dos gastos.
Loxicamente, ao escoitar iso, non puiden evitar pensar na situación galega. Que é o que se fai aquí? que é o que o goberno galego pon en marcha para que as editoras doutros países se animen a traducirnos e publicarnos? Ata onde eu sei, pouco, ou moi pouco. Por suposto, hai axudas á tradución. Escasas. E hai portais onde se poden ler fragmentos das nosas obras. Poucas. Autoras e autores, editoras e editores son convidados pola Consellería a feiras internacionais,o cal está moi ben. Uns cantos. Pero nada diso é nada se o comparamos co que fan os que esta mañá falaron.
Alguén pode dicir: a ver, estamos a falar de países cuns enormes recursos, nada comparable ao que pode facer unha Comunidade Autónoma…en efecto, alguén pode dicir iso, mais, cando tal escoito, sempre resposto igual: en Cataluña teñen un marabilloso Instituto Ramón Llul que aposta polos seus creadores e os coloca por todo o mundo. Non vou perder tempo nisto porque xa todos sabemos como se coida a cultura catalana, aos seus creadores, e como dende a Generalitat se loita para que triunfen en todo o mundo.
Titulei estas liñas dicindo que quero ser un escritor finés. Dígoo porque esta mañá a representante do goberno de Finlandia (ollo, son pouco máis de cinco millóns de persoas, en Madrid hai un millón máis) explicounos que se calquera editor do mundo, CALQUERA EDITOR DO MUNDO, amosa interese nun libro en finés, o goberno pagará a un experto para que nos faga un informe de lectura dunhas 20 páxinas para que coñezamos o libro. A nós, como editores, non nos custará un peso. Paga todo o goberno finés para que os seus autores e autoras poidan ser traducidos. Pero, ademais, se queremos, traducen a un idioma no que poidamos ler (por exemplo, inglés) unha parte da obra, para que a poidamos ler e que nos axudará a tomar a decisión. Quen paga esa tradución? O goberno finés. E, nalgúns casos, nos levarán, pagando eles, a Finlandia para así poder ter xuntanzas con editores do seu país e poder pechar os negocios. Como o len e así nolo dixo con total seriedade: o goberno de Finlandia lles paga a viaxe alí para que poidan facer os negocios. E non só iso: se dán a subvención, pagan a viaxe e o mantemento do autor ou autora no noso país sempre que lle garanticemos tres cidades onde presentar o libro.
O resto dos países que hoxe nos falaron, non todos pero case, tiñan plans, non tan xenerosos, pero si o suficientemente sedutores como para que os editores do mundo queiramos animarnos a publicar nas nosas linguas libros que son interesantes pero quizais de difícil comercialización. Mais ao termos esas axudas, todo é máis doado.
E en Galicia, que?
Os escritores e escritoras de Galicia imos conseguindo traducións a outras linguas grazas a que batallamos coma titáns para que nos fagan caso. Algúns, con axentes. Outros (eu non teño axente) falando con este e con aquel, enviando os nosos libros á Conchinchina a unha editorial que intuímos que nos pode facer caso. Pero non temos detrás unha administración que pense en nós e que elabore un plan ordenado, coherente, ben meditado, con recursos, con profesionais que falen idiomas, para que as escritoras e escritores deste país poidan brillar no resto do mundo como o seu talento merece.
Así que eu, sinto, quero, hoxe, ser un escritor finés.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.