[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/PUs5yuWp6Ro" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Todo son palabras. Estamos feitos de palabras. Pensamos o mundo a través das palabras. Cando se nos quere ferir de verdade, o mellor é que nos ataquen con palabras. Por iso, cando defendemos as palabras nosas, estamos a defendernos nós como entidade, como realidade singular.
Pero non quero falar da lingua.
Senón das palabras.
Para facer unha pregunta: ¿que pasa cando a dereita se apropia das palabras?
Digo isto porque, nas últimas semanas, escoitamos a líderes conservadores empregando termos que veñen de Maio do 68, que veñen do discurso da esquerda de toda a vida, dos movementos anti-sistema, da contacultura. E así, de súpeto, descobrimos a Esperanza Aguirre, sen ir máis lonxe, chamando un día á rebelión contra non sei que imposto, e ao día seguinte, falando de insubmisión sobre non sei que outra cousa.
Pola súa banda, en Galicia, os de Galicia Bilingüe conseguiron que o seu discuso gravitara arredor da palabra liberdade. Nese discurso móvese o actual goberno noso.
Escoito a miña música de todos os días: os grupos dos sesenta, os cantautores españois dos setenta, Fuxan os Ventos… E soño a revolución.
E comezo a preocuparme, de paso, ao ver que esas palabras revolucionarias agora, quen as manexa, quen lles tira proveito ideolóxico, quen as fai súas, son os que sempre loitaron contra calquera clase de rebelión, os que toda a vida castigaron a insubmisión e os que, polo xeral, en canto escoitan falar de liberdade, comezan a poñerse nerviosos.
A esquerda debería comezar a preocuparse.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.