Xa sei que parece un tópico. Xa sei que parece que un non anda cos tempos, pero, que lle queren, eu, cando cativo, escoitaba dicir iso de que cando o goberno quería metérnola dobrada e por detrás (a reforma que tocase, non pensen mal… ou si) aproveitaban que o Madrid estaba en semifinais da Copa de Europa, que era como se chamaba antes a Champions, ou cando houbese partido da selección española (agora, La Roja). E escoitaba dicir que ese comportamento era algo aprendido dos emperadores romanos, que cando querían meterlla dobrada e por detrás (a reforma que tocase, non pensen mal… ou si), facíano durante a celebración dos fastos do Circo, e como o vulgo estaba pendente de ver como se facían rebandas uns gladiadores a outros, ou como o touro empitonaba a un tipo atado nun pau, pois daquela asentían e non se preocupaban de máis nada, que estaban pasándoo ben e cando estamos pasándoo ben non hai que interrumpir a diversión con impostos, reformas ou, mesmamente, intervencións europeas.
Hoxe, o twitter anda como posuído e todo o mundo anda a repetir o mesmo: a semana que vén van intervir España. En plena Eurocopa. Se parvos non son. A intervención será, sen dúbidas, o máis gordo que nunca nos pasou como estado. É gravísimo. Un desastre (aínda que o pepeiro aquel dixera que non era a apocalipse…de certo que para el non será). Un desastre global.
Pero aquí a xente estará ao que realmente importa: a comprobar se Iniesta fai o que ten que facer.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.