menu Menu
ROSA DÍEZ E O "COLMO DEL DESPROPÓSITO"
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Outubro 18, 2008 0 Comentarios 2 min lectura
XENTE ILETRADA Anterior UN LIBRO PROVOCADOR Seguinte

Pasou Rosa Díez por Vigo para facer campaña na rúa. Paréceme ben e está no seu democrático dereito. Benvida sexa á miña cidade. Di que aspira a ter representación no parlamento de Galicia. É un desexo lexítimo e, se os cidadáns de Galicia así o queren, así será.
Nada que obxectar.
Outra cousa é o que veu dicir. Entre outras cousas, que a política do bipartito en asuntos lingüísticos é o “colmo del despropósito”.
En fin. O de sempre.
El colmo del despropósito.

O que é o colmo do despropósito e vir unha e outra vez e outra vez e outra vez máis reducindo todas as cuestións da política galega ao asunto dun suposto conflito lingüístico terrible. Rosa Diéz, como Jiménez Losantos e Pedro J. e moita xente desinformada ou con mala fe, saben que non, pero transmiten a idea, de que Galicia é un lugar onde se persegue o castelán e onde se marxina a quen fala – aí vai un topicazo – a fermosa lingua de Cervantes.
O colmo do despropósito é manter ese tipo de discursos esaxerados cando se sabe de sobra que se está esaxerando.
O colmo do despropósito é satanizar aos galegofalantes ou aos que reivindican a lingua propia de Galicia, como seres ideolóxicamente pervertidos.

O colmo do despropósito é falar de realidades que son falsas.

Se de verdade quere ir de partido alternativo, e de que o seu discurso é distinto aos dos demais, podería comezar por non repetir, unha e outra vez, os mesmos pseudoargumentos arredor da persecución do español alí onde hai outra lingua oficial ( e, xa que estamos, podería ir protestar a algúns países de América Latina, onde o inglés de Estados Unidos está a comerlle as papas ao español ). E, sobre todo, podería -porque non é parva, sábeo de sobra – deixar de lanzar á cidadanía a mensaxe de que o galego é un problema, unha fonte de disputas e unha lingua de batalla permanente contra quen fala distinto ( ou sexa, na de Cervantes de antes ).

( E por certo: deu a charla despois de comer no Club Financeiro. Que curioso. Igual a convenceron alí. Nos postres ).


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar