Hoxe, día de reflexión ( tan necesaria, visto que case que ninguén reflexiona: a palabra sempre perde fronte da violencia ) é tamén o Día da Muller.
Xa que logo, traio hoxe aquí a Rosalía de Castro, que era muller. E, coma as de hoxe, dabondo desprezada como explicarei.
Hai uns días, o profesor Marcos Valcárcel publicou un lúcido artigo en A Nosa Terra e no seu blog, no que explicaba que non entendía como desde as institucións non se facía o esforzo por facerse coa casa de Otero Pedrayo ou Vicente Risco, que están en venda. Lúcido, coma sempre, facíanos ver que eran cantidades posibles de asumir ( en especial tendo en conta o dispendio previsto para Cidades da Cultura e tal ). E que ese tipo de lugares, onde os nosos clásicos viviron, son tamén patrimonio.
Aproveito, xa que logo, para lembrar que o Rexurdimento da nosa literatura comezou con Cantares Gallegos en 1863, e que esa obra de Rosalía saíu dun prelo de Vigo. O primeiro libro realmente contemporáneo da nosa literatura despois duns Séculos Escuros longuísimos, saiu dun prelo vigués un 17 de Maio de 1863 para facer nacer, de paso, unha raiola de esperanza para todos nós. Unha imprenta que hoxe está esquecida diante dun edificio abandonado e ruinoso, húmido e infecto, onde van picarse os ionquis e que xa pasou por varios incendios.
En calquera país normal, coidaríanse este tipo de lugares, fachendearíamos deles, organizariamos roteiros para levar aos escolares para que aprendesen. Pero aquí non. Aquí seica só estamos a falar dunha escritora, dunha tal Rosalía sen importancia. Máis de un promotor estará a esperar que arda de todo, ou se veña abaixo, para edificar un solar e montar, eu que sei, un centro comercial, xa saben, un deses que case que non hai.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.