Téñena montada de novo en Cataluña, desta vez pola Lei de Acollida e pola obrigatoriedade ou non de saber catalán para estar totalmente integrados no país. A Defensora do Pobo en funcións (ollo, que como xa comentamos, soa el de La Coruña como sustituto) recurriu a norma por “coherencia” para afirmar, de paso, que no se necesita saber catalán para integrarse en Cataluña.
A ver, non vou perder o tempo en argumentar o absurdo que é dicir que non hai que saber a lingua dun país para estar integrado nel. Non ten nin pés nin cabeza e iso sábeo todo o mundo. Se eu só falo galego, con todo o mundo, e se me achega, eu que sei, unha irlandesa guapa guapísima guapérrima e me entra para ligar, e non sabe galego, carafio, comigo ten difícil integrarse. E xa máis en serio: se monto unha empresa e comezo coa selección de persoal, dificilmente un inmigrante vai ser contratado se non me garante que aos extraterrestres coma min vai poder atendelos na lingua propia do país.
Pero xa dixen que non ía investir tempo en argumentar sobre iso e xa o fixen.
Ao que vou. Para que discutan.
Está trabucada a Defensora do Pobo en funcións cando di que un se pode integrar en Cataluña sen o catalán (no fondo, o que está a dicir é que co castelán xa vale). Porque como temos comprobado en moitas viaxes, o catalán é unha lingua presente nas relacións normais entre a xente. Sen embargo, e isto é para chorar, si que é posible vivir integradísimo en Galicia, a pesar dos exemplos que antes puxen, sen saber galego nin falalo. E isto é válido para os de fóra e, sobre todo, para os de dentro.
Así de triste. ¿Ou non?
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.