menu Menu
SE EU FOSE INVISIBLE...
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 6, 2012 0 Comentarios 2 min lectura
MARILYN MONROE: NÁUFRAGA Anterior UN LIBRO É ALGO MÁIS QUE INDUSTRIA Seguinte

Eu medrei lendo, coas cuncas dos ollos moi abertas, aquelas historias de superheroes ianquis dos tebeos que comprabamos na de Concha, a leitería (daquela, tamén quiosco, tenda de ultramariños, droguería…) que había detrás da miña casa. Batman, Spiderman, Capitán América, Hulk, etc, encheron días e noites de aventuras épicas imposibles, aínda hoxe, de esquecer. De entre todos eles, o meu preferido era sen dúbida Supermán. E lembro o alterado que estaba cando aos meus doce anos fun cun curmán, Vitrasa número 11 polo medio, á estrea da película no Cine Fraga. Supermán era o mellor. Supermán voaba, era de aceiro, tiña visión láser… era perfecto e, durante moito tempo, mentres que á hora de xogar outros cativos escollían outros personaxes que encarnar, eu sempre quería ser Supermán e cabreábame todo se non recoñecían que eu era quen tiña que ganar todos os días naquelas interminables batallas de superheroes, pois Supermán era indestructible, e ademais, en Teis, que eu saiba, non hai kriptonita coa que poder abatelo…

Mais co paso do tempo decateime de que, se tivese que escoller un superpoder, sen dúbida, sería a invisibilidade o que escollería. Si. En verdade gustaríame ter a capacidade de, a vontade e cando me petase, volverme absolutamente transparente para así poder andar por onde quixese sen que ninguén soubese da miña presenza. Habíalle tirar moito proveito, e non só nesas situacións que, malpensados, andades a imaxinar (que tamén) senón en moitas ordes da vida. Achegaríame, por exemplo, aos alcaldes por detrás para, mentres botan un discurso populista, espetarlles un fantamagórico “mentirosoooo” que os puxese lívidos de medo; ou situaríame xusto á beira dun dictador para, mentres preside un desfile, afrouxarlle os pantalóns para que se lles caesen…

Si. De momento só fun Rei Mago, que non é pouco. Pero se tivese superpoderes, sen dúbida, sería invisible.

E ti?


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar