menu Menu
¿SERVE PARA ALGO O GALEGO... EN FINLANDIA?
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Decembro 22, 2009 0 Comentarios 2 min lectura
O QUE PAPÁ NOEL PODERÍA TER DEIXADO ÁS CRIANZAS DE VIGO (OU DA CORUÑA) Anterior LEONARD COHEN NON É GALEGO (MELLOR PARA EL) Seguinte

galego

Un dos argumentos que repiten, falazmente, os inimigos do galego (enténdase, os galegos inimigos do galego) é que non serve para nada fóra de Galicia. Paso de contestar, como dixen hai un par de días, porque as parvadas non mercen un segundo do noso tempo.

Sen embargo, a pregunta ten que ver con algo, impresionante, que vin onte na televisión, nese programa, curioso e sinxelo, pero cun punto adictivo, que é Callejeros Viajeros.

Andaban por Finlandia, falando con xente de por aquí, preguntándolles que carafio facían tan lonxe, que como eran as súas familias, etc. Nun momento, ocupáronse dunha muller de Cataluña que, como tanta xente, quedara a vivir alí por amor (hai poucos motivos máis fortes cá este para deixalo todo e marchar vivir a outro sitio, todo sexa dito). Saía co seu fillo. Pequerrecho. Cinco anos ou así.

Na casa falaban finlandés, sueco (as dúas linguas oficiais en Finlandia), inglés… pero, a nai, co seu fillo, catalán. En Finlandia. Preguntáronlle se tiña pensado volver ao seu país. Non dixo que si. Que era difícil. Probablemente fará a súa vida alí. E moi probablemente o seu fillo tamén. Cando falaban entre eles, os de Cuatro subtitulaban as frases en catalán.

Quedarán a vivir en Finlandia.

Pero faláballe catalán ao fillo, aprendéndolle unha lingua que, probablemente, só vai poder falar cunha soa persoa. Coa nai.

A lingua nai, nunca mellor dito.

¿Para que serve aprender un idioma? A resposta é obvia.

Aí hai alguén mantendo viva unha cultura, unha raigame, unha trabe poderosa que turrará para sempre dos seus corazóns.

Porque o catalán é unha lingua tan válida coma o sueco, o finlandés ou o inglés, para falar en calquera lugar do mundo.

O galego tamén, por certo.


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar