A raíz de todo o follón-Steiner, que casa, sen el o querer, pero casa, cos asuntos de Galicia Bilingüe e o do Club Financeiro, eleváronse lúcidas voces que sinalaron que, a fin de
contas, a culpa, en boa medida, é totalmente nosa, xa que hai moitos galegos que colaboran no sustento deses prexuízos galegófobos.
Puiden volver a comprobalo este mesmo serán.
Fun mercar uns zapatos. Cando ía pagar, a dependente agasalloume cun reloxo deses de publicidade da mesma marca dos zapatos. Como son
torpe de máis para poñer en hora un reloxo dixital eu soíño e sen axudas, fun ás instrucións.
Estaban en inglés, en chinés, en francés, en
holandés, en castelán… e en catalán.
En catalán si estaban, en galego non.
¿Por que?
No fundamental porque os fabricantes non
necesitan poñelas en galego porque saben que á meirande parte, por non dicir a práctica totalidade dos consumidores galegos non lles importa para nada que non estea na súa propia
lingua. Daquela, ¿para que van gastar os cartos
na tradución? Total, os galegos, seica, non a piden.
É un topicazo dicir que nos tempos postmodernos e anestesiados desde o punto de vista político
que vivimos, a forza máis grande é a dos consumidores.
E os consumidores de Galicia, en relación a isto, pasamos.
Daquela, si que a culpa é nosa.
Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información
Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario. Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.