menu Menu
SON UN BLOC DE NOTAS
Por Francisco Castro Publicado en A Canción do Náufrago (Blog) en Xaneiro 2, 2007 0 Comentarios 2 min lectura
40 ANOS EN MACONDO ( Máis sobre a inspiración ) Anterior GALEG@S TÚZAROS EN CULTURA Seguinte

Horas antes da fin de ano lin unha entrevista co poeta Antonio Gamoneda onde dicía que o que máis apaixona a un poeta é o folio en branco.
El non o sabe pero fala de min.
Enceto a fin do 2006 e o comezo do novo ano tomando notas dunha maneira frenética para unha nova novela que xa vive dentro de min. Na cabeza están todos os personaxes, toda a trama, case que todos os diálogos, todas as xeografías que percorrerán os chamados a vivir a historia que nace da miña fantasía, a voz narradora, a súa música, como soarán as súas gorxas cando sufran, cando gocen, cando falen do mundo, cando rían, cando choren a eito. Xogo co meu fillo e de súpeto érgome e vou correndo a anotar unha idea. El protesta. Normal. Vou camiñando pola rúa e vexo con claridade tal escena e teño que tirar dun pequeno caderno que sempre vai comigo e anotar. Apóiome nun escaparate para escribir a idea dunha maneira máis ou menos digna e rífame o dono da tenda. Que fas aí apoiado, animal, que vas rachar o cristal. Nun local, durante a noite de Fin de Ano, atopeime con claridade coa muller protagonista do meu libro. Ela non sabe que é o puro azar quen fai que nos crucemos esa noite. É ela. Non pode ter outra cara. Non pode ser doutra maneira. A muller que sae na novela, penso, terá a túa cara, o teu pelo, eses beizos e non outros, esa maneira de estar tan seria no mundo e non outra. Xa está, xa te teño. E tiven que tomar unha manchea de notas mentais para non esquecerme e metela no meu libro.
Neste intre son un bloc de notas.
( Podedes opinar deste artigo e aínda queda tempo para seguir participando no Xogo de Nadal )


Anterior Seguinte

keyboard_arrow_up

Usamos cookies para mellorar a experiencia de navegación. Se continúas navegando entendemos que aceptas a política de privacidade e cookies. Máis información

Esta páxina web utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e funcionalidades (como deixar comentarios ou enviar unha mensaxe no formulario de contacto) que recompilan datos de usuario.

Podes revisar que datos se recompilan e como son procesados na política de privacidade e cookies.

Pechar